CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jose Díez de Castro: "Os graos abertos están dirixidos a un público moi concreto, que sexa curioso e con boas notas"

22/11/2019 - 08:16 h

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro,confía en que finalmente se concreten 5 ou 6 propostas de graos abertos no próximo curso. A Consellería de Educación abriu esta semana o prazo para que as diferentes universidades acheguen as súas propostas.

Os denominados graos abertos, que xa existen en Cataluña e Madrid, permítenlle ao alumno cursar materias de diferentes carreiras durante o primeiro ano e medio co fin de ter máis claro cal é a titulación que queren conseguir.

O obxectivo dos graos abertos é reducir a alta porcentaxe de abandonos e cambios de carreira no primeiro ano universitario. Escollendo 'á carta' entre materias de diversos graos o alumno indeciso poderá decidir mellor o seu grao preferido, segundo explicou no Galicia por diante o secretario xeral de Universidades. Díez de Castro matizou que os graos abertos están enfocados tamén para un tipo de estudantes concreto.

O secretario xeral de Universidades detallou como será o proceso durante ese ano e medio de probas.

O prazo para que as universidades fagan as súas propostas xa está aberto. Dende a Xunta admiten que o traballo se vai multiplicar para as que decidan probar estes programas piloto, pola complexidade para facer as táboas de recoñecemento e polas dificultades para compatibilizar horarios. Así e todo, o secretario xeral de Universidades confía en que xurdan polo menos 5 ou 6 propostas.

A posta en marcha dos graos abertos chega xusto cando se decide aparcar por inmadura outra iniciativa nova: o intento de especializar as carreiras duplicadas en Galicia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí