CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Sánchez contra Torra

22/10/2019 - 07:42 h

O raro sería que 24 horas despois de rexeitar unha chamada, dúas chamadas de Torra, o presidente Sánchez se presentase en Barcelona para velo. Non tería ningunha lóxica, nin se podería entender. Se non se fala por telefono, menos aínda se pode ir a Barcelona a cumprimentalo. Así que o que fixo Sánchez foi escenificar a distancia co catalán e deixalo plantado, dicindo aquilo de “quins collons”.

Para adoptar esa decisión, penso que houbo dous motivos ou dúas intencións: a primeira está cargada de razón, incluso de razón de Estado; non se pode falar cun home que empezou pedíndolles aos revoltosos dos CDR que apertasen, pasou por incitar á desobediencia civil, chegou a falar do exemplo de Hong Kong e non condenou os feitos violentos das noites de Barcelona. A posición de Sánchez é moi defendible nese sentido. As condicións que lle pon tamén parcen razoables. Primeiro, que se poña claramente en contra dos incendiarios que queiman mobiliario urbano e tiran a matar contra os policías. Segundo, que apoie eses policías, en vez de andar dicindo, el ou os seus voceiros, que tiveron unha actuación desproporcionada cando un deles está loitando por salvar a súa vida na UCI dun hospital. E terceiro, que contribúa á normalidade e á convivencia cívica en Cataluña, sendo o presidente de todos e non só dos independentistas.

A segunda intención de Sánchez foi electoral, como case que todo o que se fai e se di nestes días. Sánchez está vendo como as enquisas non o favorecen, porque neste tipo de crises o cidadán non quere a esquerda no poder. E está vendo, ademais, como o acusan de inacción, de debilidade ou de pago de antigas relacións cos independentistas. Por esa banda van as acusacións de Pablo Casado, de Albert Rivera, de Abascal e, como hoxe mesmo se pode ler, dunha parte notable da prensa máis conservadora. O xeito de combater esa imaxe é negarse a verse e a falar con Torra. Non o trata coma cando se viron en Barcelona ou no pazo da Moncloa, senón coma a un ser que non merece ningunha atención.

A mestura de interese de Estado e de intención electoral explica todo o que está a pasar no cumio da política. A dúbida é canto pode durar esa escenificación da distancia. En principio, por lóxica, ata o 10 de novembro, que desaparcerá a loita polos votos. Despois xa veremos quen goberna, como e con quen se goberna. E, sobre todo, haberá que volver falar, porque a distancia, se hoxe é un acerto, mañá pode ser un erro. E os erros do Goberno central, benquerido Valiñas, fan medrar o independentismo.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí