CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Carmen Pomar: "Educación repartirá 400.000 máscaras para cando non se poidan respectar os 2m de distancia"

22/05/2020 - 08:18 h

Educación reparte 400.000 máscaras para cando non se poidan respectar os dous metros de distancia

A partir do vindeiro luns, 25 de maio, poderá regresar ao seu centro educativo, de xeito voluntario, o alumnado de segundo de Bacharelato e do mesmo curso dos graos medio e superior de Formación Profesional. De cara a esta volta ás aulas, a conselleira de Educación, Carmen Pomar salientaba, nunha entrevista no Galicia por diante, a importancia de manter "a distancia de dous metros e, cando non poida haber esa distancia, levar máscara". Nese sentido, a conselleira apuntaba que "dende a consellería xa están a repartirse arredor de 400.000 máscaras a todos estes centros educativos que abren a partir do luns".

Sobre o alumnado que poderá regresar aos centros, Pomar explica que "a consellería de Educación sempre mantivo que, de ser posible, sería este alumnado que terían prioridade: os de segundo de Formación Profesional, porque logo de finalizar incorporaranse ao mundo laboral; e os de segundo debacharelato, porque deben afrontar as probas ABAU". "Para eles é importante a volta presencial ás aulas non só por unha cuestión académica, senón para reducir a ansiedade que lles produce a selectividade", explica a conselleira.

A pesar de que o ministerio o permite, o alumnado de cursos inferiores non regresará, finalmente, ás aulas xa que, explica Pomar, "decidimos ir aos menos riscos posibles e que regresasen só estes alumnos [de segundo de bacharelato e FP] porque son xa dunha idade case adulta e poden asimilar e cumprir as normas de distanciamento e de uso da máscara". "Vai ser un período de ver como funcionan as cousas nos centros educativos despois de estar pechados dous meses e medio", engade a conselleira.

En relación aos centros de educación especial, asegura Pomar que "as propias directivas e ANPAS comentáronnos que era complexo abrir para estas últimas semanas de curso". "Non só polas normas de seguridade —continúa a conselleira— senón porque o alumnado de educación especial está acostumado a unhas rutinas determinadas e o feito de implantar outras diferentes e que chegan a interiorizalas leva o seu tempo".

CURSO 2020/2021

Sobre o curso que vén, apunta Pomar que "sería moi importante poder comezalo dunha maneira presencial". "Os nenos e nenas levan dous meses e medio nas súas casas, sen ter interacción cos seus compañeiros e compañeiras, así que cremos que é moi necesaria esa presencialidade, mais sabemos que vai estar sometida á situación sanitaria", explica a conselleira.

Nese sentido, Pomar sinala que "o luns 25 botará a andar unha comisión de traballo" a nivel nacional, máis técnica que as habituais conferencias sectoriais, "na que se van a establecer as liñas máis básicas para ese curso 2020/2021". "Eu creo que é importante que esta comisión coordine e evite, na medida que sexa posible, as desigualdades territoriais entre comunidades autónomas", sinala a conselleira.

A nivel galego, apunta Pomar que, de cara ao vindeiro curso, é fundamental "establecer un mapa educativo de Galicia, e xa levamos semanas traballando nel". "Hai que ter en conta que Galicia ten realidades xeográficas moi diferentes e hai localidades do rural galego —continúa a conselleira— nas que o criterio de 15 alumnos por aula hai xa se está a cumprir". "Polo tanto, habería que facer unha distinción entre os núcleos urbanos e os rurais ou semiurbanos. Nas provincias de Lugo e Ourense, sobre todo, é moito máis fácil cumprir este criterio pola dispersión xeográfica e porque, desafortunadamente, nos últimos anos houbo un descenso da natalidade. Non así en Pontevedra e Coruña, que son provincias moito máis poboadas e teremos que estudar e analizar moi ben os espazos que hai en cada centro educativo para poder garantir esa distancia de seguridade", concluíu Pomar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia