CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Fernando Soto, director xeral de AEGE: "Descoñecemos o impacto en euros que pode supoñer o futuro estatuto das electrointensivas"

21/01/2020 - 08:36 h

As empresas grandes consumidoras de electricidade, como é o caso de Alcoa, Ferroatlántica ou Megasa, por exemplo, din que o futuro estatuto das electrointensivas, co que pretenden ter reducións no prezo da electricidade, quedará aprobado a semana que vén ou a seguinte. Din que as medidas que lles avanzou o Goberno son adecuadas, pero piden concreción á hora de saber canto lles suporá esas medidas en cartos.

"Os conceptos ou as medidas que se recollen están aliñadas coas que existen noutros países europeos e das que os nosos principais competidores xa gozan desde hai anos. A incógnita e coñecer o impacto económico, que é o que reclamamos, que esas medidas estean acompañadas orzamentariamente".

"Descoñecemos o impacto en euros por cada megawatt por hora que pode supoñer ese estatuto. O que solicitamos desde hai tempo é que se consiga reducir ese diferencial existente de 20-25 euros. E máis agora, cando a retribución do servizo de interrompibilidade, cos resultados da última poxa, foron mínimos, por non dicir practicamente nulos".

"Estamos á espera de que ese estatuto sexa unha realidade e confiamos en que, coas medidas de curto e medio prazo que se implementen, ese diferencial se vai reducir. Para nós o ideal sería alcanzar esa redución, que a compensación alcanzase o 20 por cento, pero hai que ser realista, poñer os pés no chan, e todo o que poida achegarse a reducir ese diferencial ao máximo será ben recibido".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia