CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Bernat Picornell, voceiro adxunto de ERC no Senado: "Nós esperamos un xesto por parte do PSOE"

20/12/2019 - 08:11 h

ERC pídelle ao PSOE que mova ficha despois da sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, que considera que Oriol Junqueras tiña que gozar de inmunidade parlamentaria desde o momento en que foi elixido eurodeputado.

O voceiro de adxunto de ERC no Senado, Bernat Picornell, asegurou no 'Galicia por diante' que se queren seguir negociando con eles é preciso un xesto en favor do ex-vicepresidente da Generalitat.

"Nós esperamos un xesto por parte do PSOE, da Moncloa e da Avogacía do Estado. Se hai vontade política de avanzar no conflito político estamos seguros de que o PSOE vai mover ficha a prol de Oriol Junqueras. Se seguen coas teses da campaña electoral aquí non nos van encontrar".

Picornell afirma que por agora "confiamos no PSOE, pero neste momento a pelota está no seu tellado". Reclaman que se tome o conflito de Cataluña como un "conflito político que precisa de solucións políticas". Dende Esquerra reclaman a liberación de Oriol Junqueras e unha nova sentenza. "Esperamos que a Avogacía do Estado vaia nesa dirección. Se non vai, entendemos que o PSOE non entende o problema político igual ca nós".

O voceiro adxunto de ERC no Senado denuncia a "instrumentalización da xustiza por parte do Estado español" e pon como exemplo o xuízo do 'procés', a condena a Quim Torra polos lazos amarelos e as causas abertas a centos de persoas por supostas desordes públicas. Insiste en que a resolución do Tribunal de Xustiza da Unión Europea "afecta directamente ao xuízo (do 'procés') e á condena posterior e conclúe que trala sentenza do Tribunal de Luxemburgo "todo o proceso (do 1-O) queda manchado".

Picornell non se atrave a aventurar sobre o posible regreso a España de Carles Puigdemont: "Teremos que ver cal é a resposta do Estado español. Se non está claro que o Estado español acate unha sentenza da Unión Europea, o presidente Puigdemont non vai volver".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia