CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Errejón

20/09/2019 - 07:39 h

Pois aí onde o vedes, Errejón é unha das claves das vindeiras eleccións. Eu podo asegurar que non presentará unha candidatura de ámbito estatal. Pero é moi probable que se presente pola Comunidade de Madrid.

Errejón é o persoeiro máis desexado por unha parte da esquerda e tamén do centro-esquerda. Non é ningún socialdemócrata; penso que é tan comunista coma Pablo Iglesias, ao que abandonou para fundar Más Madrid, pero ten un discurso máis suave, máis dialogante. Como diría Pedro Sánchez, non parece tan dogmático coma o seu compañeiro na fundación de Podemos. Se xa estivese no Congreso e dispuxese dos mesmos deputados que Unidas Podemos, hoxe teriamos Goberno. E seguramente non pediría ningunha vicepresidencia nin ningún ministerio. En que me baseo para dicir isto? En que, cando se trataba de elixir presidente da Comunidade de Madrid na Asemblea, el estaba disposto a darlle os seus votos ao candidato socialista, Ángel Gabilondo, sen pedir nada a cambio.

Se se me pregunta cal é o seu valor electoral nuns comicios xerais, teño que dicir e digo que o tándem Errejón–Manuela Carmena sería un tándem de primeira división. Non é doado atopar unha candidatura mellor. Pero cun matiz que penso que é decisivo: ese tándem é tamén un fenómeno moi madrileño. Fóra de Madrid Carmena é coñecida, pero penso que non chega á categoría de ser querida ou de desexar que sexa a que mande. Ten a idade que ten, e temo que a súa popularidade non traspasou debidamente a serra do Guadarrama. Pásalle un pouco o que lle pasaba a Esperanza Aguirre: que era unha forza da natureza na capital, pero en Lugo significaba pouco.

Co cal, eu, de situar a Errejón nalgún sitio, colócoo nas listas de Madrid. Tampouco ten recursos, equipos e estrutura abonda para presentarse no resto de España, e non me parece home disposto a facer listas de aluvión, que despois tantos problemas de coherencia causan.

E un prognóstico máis: se se presenta, aínda que só sexa na Comunidade de Madrid, vai ser un gran para Podemos en primeiro lugar e despois para o Partido Socialista. Non penso que lle quite votos a Ciudadanos, pero aos dous socios preferentes vailles morder clientela. Co cal Sánchez pódese atopar cunha contradición. O señor Errejón pode darlle escanos para completar maioría, pero pódellos quitar nas urnas. E para toda a esquerda suporía unha división máis. Quizais o gran beneficiado da forza de Errejón sería o Partido Popular. Pero isto, a 53 días vista e sen sabelo, é, benquerido Valiñas, falar por falar.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí