Galicia por Diante
Joan Josep Nuet, deputado electo de ERC: "Os soberanistas temos os votos clave, sen os nosos votos non hai lexislatura"
ERC avoga porque os partidos soberanistas que conseguiron representación no Congreso nas eleccións do 10 de novembro actúen de forma coordinada toda a lexislatura. Farano en grupos parlamentarios diferentes, pero cun obxectivo: influír na vida política. Dicíao no Galicia por diante Joan Josep Nuet, deputado electo de ERC.
"Imos actuar, non só na investidura, senón en toda a lexislatura, de forma coordinada. Vai haber un só voto. Témolo moi coordinado da lexislatura pasada cos compañeiros de EH Bildu. Espero que cos compañeiros do BNG, Junts per Cat e a CUP se poida producir un voto global. Estamos falando de influír con 35-36 votos que determinarán a lexislatura".
Nuet é contudente: "Temos os votos clave. Sen estes votos non hai lexislatura. Sen estes votos a lexislatura convértese nun camiño de espiñas para esta coalición que tenta camiñar, a do PSOE con Unidas Podemos. Por tanto, somos imprescindibles e o goberno de España, o PSOE e Unidas Podemos deben entender que o diálogo franco con estas opcións é indispensable, imprescindible e debe producirse si ou si".
ERC segue insistindo na necesidade de abrir unha mesa de diálogo bilateral que permita resolver o conflito catalán.
"Pensamos que é unha proposta de sentido común, o conflito que se vive en Cataluña é de natureza política e, por tanto, hai que buscar na política as solucións. Levamos demasiado tempo sen falar con sinceridade. Sen diálogo político as solucións non van chegar do ceo".
Nuet é flexible sobre a fórmula que se escolla para que se produza ese diálogo entre o Goberno español e a Generalitat, e matiza que a figura do relator xa non é indispensable.
"Se ten que haber a figura dun relator ou non, non é un factor indispensable. Se hai unha proposta técnica que mellore esa proposta, estudarémola e aceptarémola".
Para o deputado electo de ERC, o fundamental é desxudicializar a vida política: "Esa mesa do diálogo axudará a que non sexa só o calendario xudicial o que marque a política catalá e española, porque nós somos unha democracia parlamentaria e non unha democracia dos xuíces. Quen goberna este país non son os xuíces, non son eles os que teñen que facer política. Pensamos que é unha anomalía democrática e que hai que rervertela o máis axiña posible".