CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

A campaña empezou

19/09/2019 - 07:40 h

Cando a Segunda República, había un partido, creo lembrar que a CEDA, que tiña este slogan: "A polos 300!". É dicir, a copar todos os escanos do Congreso. Agora somos un pouco máis modestos. O partido preferido polas enquisas, que é o de Sánchez, anda polos estrados dicindo sen dicir "A polos 176". A pola maioría absoluta, para non ter que repetir o cerimonial de xordos que vimos estes últimos cinco meses.

O propio Sánchez, que non cita ese número, anda por aí pregoando que lle temos que dar votos abondos para que poida gobernar con tranquilidade. Díxoo na conferencia de prensa do mércores, no Palacio da Moncloa, nun impúdico aproveitamento dos instrumentos de poder. E díxoo onte na sesión de control no Congreso dos Deputados. Para iso levou este país ás eleccións. E agora ten que loitar contra dous fantasmas que os escanos do PP sacaron onte a relucir. Un foi de Pablo Casado: "As eleccións cárgaas o demo". O outro, de Cayetana Álvarez de Toledo, que lle anunciou que os resultados non lle ían ser tan bos como lle dicían os Redondos que lle murmuran.

A campaña vai durar oficialmente unha semana, o cal é un alivio, pero non vos fagades ilusións, porque a campaña de verdade, na que xa estamos, vai durar case dous meses. É dicir, unha eternidade. E algo peor: polo que onte vimos e escoitamos no Congreso, vai ser dura coma poucas. Onte xa se entrou no ataque persoal. No corpo a corpo. O primeiro signo distintivo é que Sánchez vai contra todos, para rabuñar votos de todos, especialmente de Ciudadanos e de Podemos. E todos van contra Sánchez, para que non saia coa súa. Van pelexar como se non houbese un mañá. Isto vaise encher de killers, que é unha das características da política. Imos ver moitos máis enfrontamentos que proxectos de país.

E o peor de todo é o que estará pasando ao mesmo tempo. Se non cambia nada, un mes antes de votarmos, teremos a sentenza do procés e, mentres os partidos buscan votos en Cataluña, organizarase a desobediencia civil. Dez días antes de que votemos, o Reino Unido deixará bruscamente a Unión Europea e provocará un terremoto. E dende agora mesmo vivimos nun clima que se chama de ralentización económica, e a pugna electoral fará que sexa xa psicolóxica, que leva directamente á recesión, como pasou no 2008. 

Bo panorama, verdade? Pois, mentres tanto, os partidos españois estarán na que se chama a batalla do relato. E as autonomías, sen cobraren o que o Estado lles debe. E son cartos para a sanidade e a educación. Todo moi alentador. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí