CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Arrimadas e Galeusca

19/02/2020 - 07:38 h

A intención de Inés Arrimadas é boa como intención. Pero ten tantos problemas como territorios para os que está pensada. No País Vasco, Ciudadanos sempre se presentou como adversaria do Concerto e do Cupo, que lle parecen unha antigalla, e seguramente o é, pero os vascos é o que queren, porque saben as vantaxes que lles dá. E o propio candidato do Partido Popular, Alfonso Alonso, un bo tipo, é foralista, moi defensor das institucións vascas e, dende logo, partidario do Concerto e do Cupo. Non sei como se vai compoñer unha coalición electoral con esa discrepancia, salvo que Arrimadas rectifique, e tería que rectificar para sempre, porque non se pode defender o Cupo nas eleccións vascas e condenalo despois nas eleccións xerais.

En Cataluña, a situación é tamén contraria á coalición de “Mellor xuntos”. Ciudadanos está alí en caída libre despois de ser o partido máis votado, iso si que é unha desgraza. Pero o Partido Popular tamén ten pouca presenza, aínda menos que Ciudadanos, e a enquisa do xornal La Vanguardia de hai uns días dicía que, separados os dous partidos, terían máis votos que xuntos. Debe ser que, cando un cego conduce outro cego, os dous caen no furado. O perigo dunha coalición electoral é que Ciudadanos perda os seus sinais de identidade e recolla a mala imaxe que o PP ten en Cataluña. Moi mal negocio sería. Ao Partido Popular supoño que lle dá igual. De perdidos ao río, e un escano máis que teña será por méritos propios. Non llos debe a ninguén.

E respecto a Galicia, que vos vou contar que non saibades mellor ca min. Onte Casado díxolle que non, porque non lle podía dicir que si. O PP galego está na maioría absoluta, segundo tamén as últimas enquisas. Ten forza como partido. Ten un líder que non é discutido. Lembro cando Feijóo, na campaña das eleccións xerais, anunciou que Vox e Ciudadanos de Galicia non terían presenza no Parlamento, e cumpriuse a profecía. Feijóo, coa súa categoría persoal, coa súa forza e coa boa imaxe do PP galego, que nin sequera sofre as falcatruadas verbais que din os seus compañeiros de Madrid, ocupa todo o espazo de centrodereita. O único que lle pode achegar unha coalición é negativo. Incluso unha sensación de que ten medo a perder. De aí que dixese o sábado que el non quere ser refén de ninguén, de ningún partido, nin sequera do seu. Quen así fala, benquerido Valiñas, é que se dirixe a todos os galegos e non a unha determinada porcentaxe. Negarse á coalición, en cambio, é dar sinais de fortaleza.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia