CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións, ao final

18/09/2019 - 07:41 h

O meu comentario oscila entre o alivio e a alarma. Alivio porque, por fin, está claro a onde imos, guste ou non guste. Despois de case cinco meses de darlle voltas ao veo, acabouse o suspense e temos sentenza en modo de comunicado da Casa Real: "Constatou que non existe un candidato cos apoios necesarios". Peche dunha historia e comezo da outra. "Reeleccións", como di hoxe La Razón.

Alarma, porque isto foi un fracaso de toda a clase política que estivo nas negociacións e, sobre todo, porque sabemos a onde imos, pero non sabemos como sairemos. Temos a oportunidade de votar, pero temos o risco de que votemos igual ou moi parecido a como votamos o 28 de abril. E se o resultado é moi parecido, hai quen vexa os partidos en disposición de acordaren un Goberno despois? Eu, persoalmente, dispóñome a que se repitan as urnas, pero tamén a un novo cerimonial de Pedro e Pablo, Albert e Pedro e toda a orquestra que escoitamos durante os últimos 142 días.

Por que se chegou a esta situación que nos fai lembrar que son as segundas eleccións en sete meses e as cuartas dende 2015? Non trato de botarlle a culpa a ninguén, pero a estratexia estivo clara dende o comezo do conto: Sánchez non quixo nunca pactar con Podemos porque era mandar unha mala mensaxe aos mercados e porque Iglesias lle resulta incómodo na mesa do Consello de Ministros. Tampouco quixo pactar con Ciudadanos, aínda que lle dese a maioría absoluta, porque as posicións sobre Cataluña eran absolutamente incompatibles e había moito enfrontamento persoal. E dende esas faltas de querenza, decidiu que volvesen falar as urnas. As enquisas do CIS empuxárono, porque lles daban poucas posibilidades aos demais. Do que se trataba, como dixemos aquí moitas veces, era de atopar a quen lle había que botar a culpa, en busca da rendibilidade electoral. O que se chama o malo da película. E onte pola noite aclarouno Sánchez: "Intentámolo todo, pero fixéronnolo imposible". Todos son os malos, Iglesias, Rivera e Casado, citados sexan pola orde que lle gusta ao presidente en funcións. Esa foi a estratexia e a intención, e ese é o resultado.

O malo é que, de cara ao 10 de novembro, seguen os mesmos. Non hai cambio na carteleira. Hai, incluso, un pouco máis de rancor e un pouco máis de egoísmo. Isto é moito máis ca un xogo de póker, como tanto se dixo. É coma unha ruleta rusa onde a pistola só ten unha bala. Que Deus reparta sorte! É o máximo que podo pedir. 

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia