CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Andoni Ortúzar, presidente do PNV: "A de Rivera é unha proposta ridícula que non ten ningunha viabilidade"

17/09/2019 - 08:29 h

O presidente do PNV, Andoni Ortúzar, responsabiliza o PSOE e Unidas Podemos da actual situación de bloqueo político.

Nunha entrevista no Galicia por diante, Ortúzar non ocultaba o seu pesimismo: "Eu son pesimista. Esta vez vexo as cousas moi negras. Dá a sensación de que a clase política española en xeral e, en particular, o PSOE, Unidas Podemos e os seus líderes están antepoñendo os intereses políticos e partidistas por riba do interese xeral do país e da cidadanía".

Segundo Ortúzar, "é o momento de ter un goberno forte, pero vemos uns partidos xogando a Xogo de tronos como se fose unha serie de televisión e creo que imos saír todos prexudicados".

O presidente do Euskadi Buru Batzar afirma que o PSOE e Unidas Podemos non foron quen de cumprir co mandato que a cidadanía lles deu en abril: "Nós puxemos gratis os nosos votos, pero eles foron os que non estiveron á altura das circunstancias".

Está convencido de que unha repetición electoral non é a solución: "Se agora non foi posible, se non hai alteración dos números nas hipotéticas eleccións, se non hai cambio de líderes, por que vai ser posible o que agora foi imposible? -pregúntase-. Supoño que por responsabilidade o PSOE e o presidente Sánchez terán algunha carta na manga".

Andoni Ortúzar cualifica de "ridícula e inviable" a proposta posta sobre a mesa polo presidente de Ciudadanos para desbloquear a actual situación política. "Non é unha proposta seria. É unha metáfora de no que se converteu a política española: o show, o Twitter, a proposta enxeñosa para poñer ao outro nun aperto sen ter visos de saída... El faino para saír dunha situación de aperto na que está. Presentouse dicindo que era de centro esquerda liberal e agora ao que aspira e a desprazar os partidos de dereitas para ser único referente da política española. Cando fas ese cambio tan drástico e renuncias ao papel de bisagra, agora el ten que esconderse detrás destas propostas para que sexa o outro o que diga que non. Pero é unha proposta ridícula que non tiña ningunha viabilidade dende o principio e o máis gordo é que el xa sabía que ía recibir un non. Probablemente fíxoa para que lle digan que non".

Ortúzar afirma que "polo PNV non vai ser que a investidura non saia adiante; é un momento para remar, dar estabilidade e ter un Goberno canto antes" e comprométese a facer todo o posible para "promover a estabilidade". Porque, tal e como confesou, "nós estaremos onde estivemos sempre, ao pé do canón".


As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí