CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alberto Núñez Feijóo: "Máis que un candidato dun partido político, quero ser un representante da gran maioría dos galegos"

17/02/2020 - 08:30 h

Unha semana despois da convocatoria das eleccións autonómicas, o presidente da Xunta de Galicia e candidato á reelección polo PP preséntase na Radio Galega como o candidato que aspira a ser o representante da maioría dos galegos.

"O meu obxectivo é que a política galega non se divida en bloques. Non quero ser un candidato dun partido político, senón un representante da maioría dos galegos", afirma.

O líder dos populares galegos ofrécese como punto de encontro para os galegos que están chamados ás urnas o 5 de abril.

"Que manteñamos un punto de encontro con sensibilidades distintas: galeguistas, reformistas, persoas que non están de acordo coa política do PSOE e a súa alianza co independentismo catalán e vasco", asegurou Feijóo na entrevista da Radio Galega.

"Teño o presentimento de que Galicia vai entender perfectamente que necesitamos un Goberno sólido e que nos dea estabilidade política. Para inestabilidade xa está o Goberno central. Se os socios do Goberno central se instalasen na Xunta de Galicia, loxicamente, estariamos nunha situación de maior risco porque aquí non haberia un Goberno que levantase a man e dixese: non, isto non o imos aceptar".

O presidente da Xunta e candidato do Partido Popular de Galicia reivindica o seu papel como defensor dos intereses de todos os galegos no actual contexto político e cun Goberno de España de coalición que depende dos apoios das formacións independentistas.

"Máis que nunca, Galicia necesita un Goberno que non dependa de ninguén, senon que dependa de si mesmo. Un Goberno que sexa libre para pactar co Goberno central cando sexa necesario e que sexa libre para levantar a man e dicir non cando xoguen con nós", apunta Núñez Feijóo.

A súa continuidade como xefe do Executivo galego pasa, segundo Alberto Núñez Feijóo, pola consecución dunha cuarta maioría absoluta que aglutine o voto de centro-dereita.

"Eu vou pedir o voto, cando toque, non mirando quen nos vai votar, senon mirando como podemos gobernar para a gran maioría dos galegos. Isto, loxicamente, pasa por non fragmentar o voto do centrodereita".

O presidente da Xunta entende que os indicadores económicos e sociais demostran que Galicia está hoxe mellor que ao inicio da lexislatura e que Galicia precisa un goberno libre e sólido para manter a estabilidade. Acusa o Goberno central de "marear a perdiz" coas empresas electrointensivas e lamenta ter que "acabar nos xulgados" para reclamar os 370 millóns de euros que o Estado lle debe a Galicia.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia