CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Rolda real de consultas

16/09/2019 - 07:39 h

Creo que é a sétima rolda de consultas de Filipe VI en cinco anos que leva de rei. Non está mal para o libro Guinness de récords. A rolda vai ser de pequeno a meirande, co cal aos partidos que deciden, sobre todo ao PP e Podemos, tócalles mañá. Así que ata mañá pola tarde non haberá a conclusión definitiva. E aí debía terminar o meu comentario, benquerido Valiñas. Hoxe empeza o que empeza e mañá acaba o que empezou hoxe. E non hai máis que dicir. Pero, como hoxe é día 16 e mañá é día 17, e queda toda a semana para chegar ao día 23, aínda poden pasar cousas ata o día 23. Se o Real Madrid gañou grandes partidos no minuto 93 grazas a algunha cabezada de Sergio Ramos, por que non vai haber unha cabezada de Pedro Sánchez, aínda que el sexa máis de baloncesto? Isto non se acaba nunca. Podemos vivir a semana política máis longa da historia.

O que non vai pasar, supoño, é que o rei atenda a petición que lle fixo Pablo Iglesias de que interveña ante Sánchez para que o convenza de que acepte a coalición. Dicía Cunqueiro que a recomendación é o dereito constitucional básico dos galegos, pero nin Filipe VI nin Sánchez nin Iglesias se rexen pola Constitución galega, co cal non hai nada que facer. Se o rei estivese para atender as demandas dos líderes políticos, xa Rajoy lle pediría que frease a Sánchez na moción de censura, e xa Sánchez lle pediría que convencese a Iglesias de que asine o pacto de lexislatura sen necesidade de entrar no Goberno.

Introduzo este factor no comentario, porque non tiven oportunidade de facelo na fin de semana e por outra razón: porque estas e outras actitudes ao mellor –ao peor- son froito diso que di o noso presidente Alberto Núñez Feijóo: que temos uns políticos adolescentes aos que puxemos a conducir un Ferrari con 47 millóns de pasaxeiros. Ten razón don Alberto: case todo o que vimos nestes meses que debería acabar mañá parece obra de adolescentes. Se hoxe estivesen á fronte dos partidos aqueles políticos da transición que tiñan aquela capacidade de renuncia, xa teriamos un Goberno de coalición con Podemos ou con Ciudadanos, ou de gran coalición co PP. E, se miramos un pouco máis atrás, tamén Rajoy sería investido para presidir unha coalición e non caería nunha moción de censura. Pero non puido ser daquela nin pode ser agora. É que, efectivamente, hai moito adolescente na política deste país. E así pasa o que pasa; o que di o refrán, aínda que non estou seguro de que sexa o que quixo dicir Feijóo: o que con cativos se deita, mexado se levanta.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí