CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Circo e apocalipse

13/12/2019 - 07:40 h

Permíteme expresar unha pequena, unha mínima esperanza: cada día que pasa é un día menos que queda para falar dese castigo que é a investidura e o circo que a rodea. Chegará un momento en que, aínda que só sexa por esgotamento, haberá un acordo ou un desacordo e desfaranse os nós que nos teñen aprisionados. É que isto é, con perdón, unha carallada. Unha carallada das que fan época. E ten un pouco de xogo de nenos e de paisaxes de raíñas ofendidas. Hoxe é un día deses. Non hai máis que mirar a Torra, máxima raíña ofendida, que responde á idea de chamar por teléfono a todos os presidentes de comunidades autónomas. E que di o señor Torra? Que el é outra cousa, que non quere entrar no café telefónico para todos, que el fala, pero ten que ser de igual a igual, sen meterse co resto en confuso tropel. Xesto inútil, di, iso de chamalo ao mesmo tempo que aos demais. Explícao moi ben Pilar Rahola no seu artigo en ‘La Vanguardia’: “Para falar co presidente de Cataluña, Sánchez chamará ata ao presidente de Melilla”. Nesas andamos.

Estando así as cousas, resulta gratificante a entrevista que lle fai o diario ‘La Razón’ a Junqueras no cárcere. E di o líder de Esquerra Republicana: “Non negociamos unha investidura, senón unha solución do conflito”. Xaora! O que está enriba da mesa é a solución do conflito, que os independentistas presentan como agora ou nunca. Dito doutra maneira: imos aproveitar o estado de necesidade de Sánchez e o seu “manual de supervivencia” a ver o que podemos arrancar. Pero sempre coa mirada posta no referendo e na autodeterminación. O resto son medios para chegar a ese obxectivo.

Claro: a pregunta que xorde despois é que puntos de coincidencia pode haber entre un goberno constitucionalista como pretende ser o de Sánchez é un goberno que só traballa para a independencia, como é descaradamente o de Torra, en coalición con Esquerra. E respondeume un alto dirixente: “Imos a un mundo de grises”. Un mundo de grises non é un mundo de policías dos de antes, cando iamos ás manifestacións a correr diante dos grises. Non é iso, claro. É un acordo que non concrete moito, que valla para un roto e un descosido. Que os cataláns o poidan presentar como un éxito de independentismo e os socialistas poidan dicir que se respecta a Constitución.

E o que máis me preocupa, benquerido Valiñas, é o discurso que se está escoitando, moitas voces presentan un panorama de desastre: “Un cambio de réxime”, dicía onte Inés Arrimadas. Hai algo parecido a un ton apocalíptico no debate da investidura do que non se libra nin o Rei de España. Veremos se pasa a semana que vén, co desfile de modelos polo teléfono da Moncloa e, se non chega a investidura, que chegue, polo menos, a serenidade. Amén.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia