CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Antonio Fernández-Campa, xerente do Servizo Galego de Saúde: "O 061 bateu onte o seu récord histórico de chamadas"

13/03/2020 - 08:12 h

O xerente do Servizo Galego de Saúde, Antonio Fernández-Campa, explicou esta mañá no Galicia por diante que todas as medidas adoptadas pola Xunta pretenden ser unha barreira para impedir a expansión do coronavirus, tendo en conta -dixo- que na nosa comunidade a incidencia está a ser baixa.

"En Galicia a incidencia é máis baixa que noutras comunidades e por iso é o momento de tomar xa medidas e non agardar máis. Tómanse medidas para evitar que o coronavirus avance".

Fernández-Campa indicou que están en contacto permanente co Ministerio de Sanidade e co resto de autonomías e seguen de preto as medidas que aplican para ver se cómpre incorporalas aos plans de continxencia da Xunta. 

O xerente do Servizo Galego de Saúde destacou que o fundamental é que todos os cidadáns actúen con responsabilidade e sigan as recomendacións: "As medidas que adoptamos teñen sentido se van acompañadas da responsabilidade dos cidadáns. Todos temos que evitar contaxiarnos, pero tamén contaxiar os demais. Esa é a única medida efectiva: sermos todos responsables. Precisamos que todos os cidadáns boten unha man".

Neste sentido, indicou que o teléfono de atención de urxencias médicas 061 recibiu onte o máximo de chamadas dende que está funcionando, "o pico máis alto na historia do 061", dixo Fernández-Campa. Neste sentido, pediu un esforzo de comprensión e incidiu en que "ante os primeiros síntomas, débese quedar na casa e contactar cos teléfonos habilitados sen acudir ao centro de saúde".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia