CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Yolanda Díaz (Galicia en Común): "Se non reflexionamos as esquerdas, nas próximas eleccións autonómicas as cousas pintarán mal"

11/11/2019 - 08:18 h

A candidata por Pontevedra de Galicia en Común, Yolanda Díaz, cre que a súa formación aguantou "con solvencia" nun contexto moi complexo. Galicia en Común mantén os dous representantes que tiña no Congreso, aínda que retrocedeu 50.000 votos na nosa comunidade. A candidata por Pontevedra, Yolanda Díaz, atribúelle ese retroceso á irrupción na nosa comunidade de Más País, de Íñigo Errejón, que non obtivo ningún representante por Galicia: "Mentiron, non viñan sumar. Serviron só para tirar actas para abaixo no conxunto do estado. A fragmentación e a dispersión non axuda nunca".

Díaz foi moi crítica co PSOE por avogar por unha repetición electoral e asegura que o gran gañador de onte "non foi o PP, chámase Vox". Segundo ela, "a irresponsabilidade de convocar estas eleccións deron unha oportunidade á extrema dereita e tamén á posibilidade de que o PP volva tomar a primeira posición". Segundo Díaz, "agora toca poñerse a traballar desde o PSOE e Unidas Podemos para clarexar un goberno de esquerdas. Ou Sánchez rectifica o erro do 28-A ou vai dilapidar todo".

Xa en clave galega, a candidata de Galicia en Común por Pontevedra pídelles ás forzas de esquerda, e en especial ao PSdeG, que reflexionen para poder construír unha alternativa ao PPdeG nas eleccións autonómicas do ano que vén. 

"Espero que o PSdeG, que estivo calado durante esta repetición electoral, non cometa os erros que cometeron o 28-A. Se non reflexionamos as esquerdas, nas próximas eleccións autonómicas as cousas pintarán mal".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia