CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Eleccións de novembro

11/11/2019 - 07:39 h

Primeiro, o que pasou. E o que pasou foi que quen gañou en escanos foi o PSOE, pero perdendo. E quen perdeu foi a dereita, pero gañando escanos. E en algún caso, gañando de forma espectacular, como foi o caso de Vox. Onde non gañou nada Vox, foi en Galicia, e quizais sexa o primeiro que se hai que preguntar. Se non gañou en Galicia, por que foi? Porque o PP ten moita forza na nosa terra, e se empata a votos co PSdeG, pero tivo máis votos, e ten un liderado capaz de pechar a porta aos partidos máis radicais ou aos que están na mesma banda, Vox e Ciudadanos. Ao mellor, empeza a haber xente que, ao constatar iso, volve pensar en que o mellor presidente do Partido Popular nacional tiña que ser Alberto Núñez Feijóo.

Despois pasou que a xente castigou os que fixeron repetir as eleccións. Claramente, a Ciudadanos, que se empeñou en acabar con Pedro Sánchez, e desperdiciou a oportunidade de loitar por ser vicepresidente e ter un goberno de 180 deputados. Castigou tamén a Unidas Podemos e a Pedro Sánchez. A desfeita de Ciudadanos é das que fan historia, pero demostra a capacidade de castigo que ten a sociedade española cando se perde a coherencia. Todo o contrario de Vox, que viu premiada a coherencia, porque non creo que haxa 3,7 millóns de persoas de extrema dereita en España.

E o fundamental: de que ían estas eleccións? Ían se saír do bloqueo e de formar un goberno forte. Ao final, as cousas quedan como estaban, ou un pouco peor do que estaban. O goberno de coalición en que se traballou ten hoxe menos deputados: os que perdeu o PSOE e os que perdeu Podemos. Se hoxe se continúa aspirando a unha maioría absoluta da esquerda, hai que pensar nada menos que en dar entrada a Esquerra Republicana de Cataluña ou en algo tamén complicado: PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos, Más País e buscar o apoio do PNV. Non é Frankenstein, pero parécese moito. Durante toda a noite estivemos pensando que habería que repetir eleccións por terceira vez, pero ao acabar o reconto abríronse outras portas. Abriu unha, un pouco confusa, Pablo Casado, que amosou incompatibilidade con Pedro Sánchez, pero, ao mesmo tempo, queda á espera do que Sánchez ofreza. E abriu outra o propio Sánchez ao dicir iso de goberno progresista si ou si.

O escenario é un pouco máis difícil do que tiñamos, co cal eu non descarto que volvamos ás urnas. Pero a vergonza dos líderes faralles entrar en razón. Ou iso agardamos todos.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia