CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

De la Iglesia, coordinador de prevención do 12X: "Todo está disposto para que o domingo sexa seguro votar"

10/07/2020 - 08:17 h

O coordinador de prevención das eleccións do 12 de xullo, Emilio de la Iglesia, asegura que as medidas establecidas no protocolo da Xunta son "a garantía máxima" para que "o domingo sexa seguro votar", compatibilizando "o noso dereito ao voto e o noso dereito á saúde".

Segundo explicou De la Iglesia nunha entrevista no Galicia por diante, "estamos ultimando os traballos para ter todo disposto para o domingo". "A principios desta semana", continúa o coordinador, "concluíuse a remisión de todo o material de protección necesario e estamos rematando a montaxe dos colexios e a revisión para verificar que todos cumpren as medidas de seguridade".

O protocolo non tivo que reformarse logo do brote da Mariña posto que xa recollía, di De la Iglesia, medidas "de máximos". A propia Xunta Electoral Central avalaba onte que se dan as garantías sanitarias axeitadas nesa comarca e descartaba a necesidade de establecer accións específicas.
Aínda que, coma sempre, haberá papeletas de todos os partidos nos colexios, a Xunta Electoral ratificou, tamén, a recomendación de traer o sobre da casa. Neste sentido, o coordinador de prevención apunta que "se chegou ao seu domicilio a papeleta do partido que quere votar, lévea" preparada para reducir os contactos.

Tamén deberá evitarse, continúa De la Iglesia, tocar a urna electoral, e "non lle entregaremos o DNI ao presidente da mesa, depositarémolo nunha bandexa". Ademais, o coordinador recomenda que "evitemos as horas punta" e sigamos as recomendacións establecidas na cartelaría e as que nos indique o persoal de control que haberá nos locais de votación.

Por suposto, mantense o uso obrigatorio de máscara en todo momento, haberá xel hidroalcólico a disposición tanto dos votantes coma dos membros da mesa e deberanse manter as distancias de seguridade. En resumo, di De la Iglesia, "tranquilidade, seguir as pautas e cumprir as medidas básicas".

Fronte á renuncia de membros das mesas electorais que se produciron nalgúns concellos da Mariña, De la Iglesia lembra que "a lexislación prevé supostos excepcionais" para cubrir estas ausencias.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia