CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

PSOE-UP, non agresión

09/01/2020 - 07:37 h

Se o que firman Adriana Lastra e Rafael Simancas fosen hipotecas, terían tanto patrimonio coma a Casa de Alba. Non pararon de firmar en todo o proceso de investidura. Unhas veces, con Rufián. Outras, cos partidos pequenos. Onte, con Unidas Podemos. Lastra e Simancas son dous persoeiros a un bolígrafo pegados. A min non me parece mal. Todos os matrimonios teñen unha parte de celebración e outra de contrato que vencella e condiciona.

O que asinaron onte ten algo de menciña preventiva para evitar danos posteriores na relación de parella. Recorda un pouco o conto do paisano que chega ao dentista, agárrao polas súas partes e di: non non imos facer dano, verdade? Recorda tamén o que fan os exércitos despois de un conflicto bélico: firman un tratado de non agresión. O que se asinou onte foi iso: un tratado de non agresión.

Non vou deducir que o PSOE desconfíe de Podemos nin que Podemos desconfíe do PSOE, pero algo hai. E hai, dende logo, previsión de celos. O PSOE teme que os equipos de Pablo Iglesias patrimonialicen ao seu favor toda a política social do Goberno, e Unidas Podemos teme quedar escurecida pola autoridade e a maioria numérica dos socialistas. Por iso falo de menciña preventiva. Cando gobernan dous partidos, existen uns cantos riscos: que un lle bote a culpa ao outro dos fallos, que un se escude no outro cando se produzan atrasos e empecen a reclamar os cidadáns e as organizacións sociais, que non haxa un mínimo de lealdade e de coherencia. E fronte a iso álzase a necesidade de funcionar como un só equipo e non como dous, que xa diciamos onte que teñen a experiencia galega dos dous gobernos do bipartito de Touriño e Quintana. Esa vai a ser a guía principal da coalición.

Engado eu que debería ter efectos retroactivos, porque mentres no documento se invoca a discreción, a discreción está sendo a grande ausente na formación de goberno, por exemplo. Mentres Sánchez pensa a quen debe chamar, Podemos preocupouse de adiantar os seus nomes. E non son só os dos ministros. Son tamén os de secretarios de Estado, xefes de gabinete e outros cargos de nivel. Din que hai cabreo no PSOE por ese adianto, e é normal que o haxa. Os ministros noméaos o xefe do Goberno, e o xefe de Goberno atópase con que Iglesias xa os ten nomeados, empezando pola nai dos seus fillos.

O firmado onte é, como digo, menciña preventiva. E nos efectos, un aviso con tantas limitacións que podería levar un letreiro que dixese, benquerido López Vila, "prohibido pensar e falar por libre".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia