CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Alfonso Rueda: "A ministra de Facenda non quere, pero mañá terá que falar do IVE que lle debe a Galicia"

06/02/2020 - 08:25 h

O vicepresidente da Xunta avanzou na Radio Galega que a devolución do IVE que Galicia recadou en 2017 será o primeiro asunto que o conselleiro de Facenda lle traslade á ministra María Jesús Montero na reunión de mañá do Consello de Política Fiscal e Financeira.

Alfonso Rueda considera positivo que, tras as insistentes queixas de moitas comunidades, a ministra abrira a porta a abordar o asunto, pero reclama "pasos rápidos". Segundo Rueda, "non tiña sentido que o Goberno central diga que eses cartos que reclamamos non existen. Ten que decatarse de que todas as autonomías acabarán acudindo aos tribunais". 

O vicepresidente galego agarda que a xuntanza de mañá sexa un "primeiro paso" para que este asunto se solucione e despois o Estado e as comunidades poidan sentar a falar "dun novo sistema de financiamento que compense o avellentamento e dispersión da poboación en Galicia".

En canto á relación entre a Xunta e os concellos, Alfonso Rueda avoga por non iniciar loitas estériles entre administracións por ver cal é a que asume máis servizos que non lle corresponden. Avogou por delimitar as "competencias impropias ou cruzadas" e sinalou que o importante é que esas competencias estean ben financiadas.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia