CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Jorge Cebreiros: "O que queremos é que se publiquen os mapas definitivos do Corredor Atlántico"

05/12/2019 - 08:14 h

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, referiuse hoxe á alarma causada polo uso dun mapa do Ministerio de Fomento en que non aparecía Vigo no futuro trazado do Corredor Atlántico de Mercadorías. Nunha entrevista no Galicia por diante, Cebreiros confirmou que recibiron unha chamada de ADIF para aclarar que ese plano, usado nunha presentación en Marrocos, era de 2016 e non se correspondía co proxecto actual.

Con todo, Cebreiros di que estarán tranquilos "cando se publiquen os mapas definitivos", que xa se poden ver na web do Ministerio, e que se fagan declaracións claras sobre o investimento no proxecto.

O presidente da patronal pontevedresa lamentou que a situación de interinidade do Goberno actual estea afectando o traballo de Fomento: "Nós dixemos varias veces que iso non pode ser óbice para que todo o ministerio estea en funcións, hai funcionarios que terían que estar traballando pola posta en marcha do corredor".

Tamén se pronunciou Cebreiros sobre as negociacións para a formación de goberno. Insistiu en que "nós non imos entrar en facer suxestións sobre como ten que ser o goberno, cales teñen que ser as coalicións e as cores. Nós queremos un goberno que transmita seguridade xurídica, certezas, que sexa estable e predicible".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí