CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Álvarez e Sordo, con Junqueras

05/12/2019 - 07:39 h

Persoalmente, eu creo máis os dous sindicalistas que os chistes e interpretacións que se fan en determinada prensa. Entendo que Unai Sordo e Pepe Álvarez falaron algún día e dixeron: “Podiamos ir ver a Junqueras”. “Oíches, pois non estaría mal”, dixo o outro, se vai todo o mundo, por que non habiamos de ir nós”, “Pero imos xuntos ou separados?”. “Separados”, respondeu o segundo, porque se imos xuntos vai parecer unha conspiración”. Por iso é que pediron permiso e foron separados. O que pasa é que foron, e a nova é que a información os xuntou, co cal a teoría da conspiración ou algo parecido quedou establecida e a ver quen a desmonta: a teoría máis estendida, por moito que a desmintan os sindicalistas, é que foron pedirlle que Esquerra pacte co PSOE para ter un goberno progresista.

A partir de aí, todo o que os oíntes coñecen: as grandes decisións tómanse nunha prisión. O pacto depende dun tipo que está condenado a trece anos de cárcere por sedición. Vergonza lles tiña que dar ao Goberno e aos seus satélites usar un delincuente para sacar adiante os seus proxectos.

Todo pode ser, porque cousas máis raras vimos nesta España de esperpentos. Pero a min cústame moito traballo crer que o Goberno, por moito de Sánchez que sexa, mande os sindicalistas a negociar o apoio á coalición. Pode ser, insisto, pero cústame moito traballo crelo. Penso máis ben que na conversa saíu o tema, porque esas cousas fálanse na taberna e nos pazos, entre a xente libre e a xente presa. E, se saíu o tema, xa se sabe o que pensa cada un. Junqueras é un pragmático que non ve mal algún acordo, non sexa que vaia gañar o PP e subir Vox se hai que repetir eleccións. E Sordo e Álvarez, se algo queren neste mundo, é que haxa ese goberno de esquerdas, e mellor aínda, que Podemos ocupe o Ministerio de Traballo, porque Podemos é moito máis progresista ca o PSOE. Iso é exercer unha embaixada gobernamental ou socialista? Non. É falar por falar e, metidos a falar, empuxar un pouco en beneficio do seu equipo.

É a miña teoría, Valiñas. Aínda que o certo é que, esteticamente, as xuntanzas da prisión non quedan ben. Non son oportunas pola negociación que se está facendo fóra. Parece, efectivamente, que os sindicalistas son enviados especiais de Sánchez, ou de Iglesias, que xa foi unha vez a pedirlle a Junqueras o apoio de Esquerra Republicana aos orzamentos xerais do Estado. Como hai ese antecedente —por certo, con resultado nulo— todo o que se diga é crible, benquerido Valiñas. Pero eu quedo co máis simple, que é o que acabo de expoñer.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia