CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Ethel Vázquez: "Hai que loitar contra o tópico de que en Galicia sobra auga"

04/12/2019 - 08:22 h

A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, subliñou hoxe a boa acollida que tivo no Cumio do Clima en Madrid a Lei contra a seca, que foi presentar este martes. A norma, aprobada onte no Parlamento galego cos votos en contra da oposición, pretende reducir nun 20 por cento as fugas das redes municipais nun prazo de 3 anos.

Nunha entrevista no Galicia por diante, a conselleira destacou o interese que suscitou a medida entre outros gobernos autonómicos: "Mesmo cando o PSdeG votaba en contra desta lei no Parlamento galego, outras comunidades autónomas dirixidas polo partido socialista dirixíanse a min para interesarse e facer iniciativas semellantes", dixo.

Ethel Vázquez nega que a norma deixe a responsabilidade en mans dos concellos, un dos argumentos dos grupos da oposición para votar en contra: "Non é así, desde a Xunta temos axudado os concellos moitísimo. Nos últimos 10 anos, houbo 1.100 millóns de euros en axudas para saneamento e abastecemento, respectando en cada momento as competencias locais, e seguimos investindo".

Lembrou, ademais, que haberá unha orde específica de axudas para poñer en marcha as medidas ás que obriga a lei.

A conselleira reiterou que "hai que loitar contra o tópico de que en Galicia sobra a auga" e lembrou que a gran maioría da poboación galega vive na costa, "onde os ríos son pequenos e de pouco caudal", nun país en que a capacidade dos encoros é baixa.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia