CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

José Cacabelos: "O Foro Atlántico coloca A Toxa no mapa a nivel mundial"

03/10/2019 - 08:25 h

O alcalde do Grove, José Cacabelos, asegura que "todo está preparado" para a inauguración esta tarde do Foro La Toja-Vínculo Atlántico e di que a organización "leva traballando meses de xeito moi importante e hai unhas medidas de seguridade xa despois de varias reunións, que van facilitar, por unha parte, a seguridade de tódolos participantes no Foro e, por outra parte, non entorpecer a vida normal, polo tanto, vai haber unhas medidas de seguridade importantes para protexer un Foro que é un evento importantísimo a nivel internacional e que nos coloca no mapa a nivel mundial".

O rexedor grovense considera que o presidente de Hotusa, Amancio López Seijas, "é a alma máter de todo este proxecto, é un compromiso persoal case que tiña el para facer isto e pensaba na Toxa porque pensaba que era a ubicación idónea para esta conexión atlántica entre as democracias europeas e as democracias e as sociedades latinoamericanas e americana do norte e, polo tanto, xeran un Foro que en Galicia e no norte de España non había e para iso A Toxa consideraba que era unha zona e un encrave privilexiado e idóneo" para levalo a cabo. Di que "é un exemplo de como unha idea xorde e convértese nun proxecto e este proxecto transfórmase nunha realidade que vai traer á Toxa nestes tres días aos líderes do mundo da política, da economía, da universidade, do pensamento, aos líderes mundiais, polo tanto, iso para nós é moi importante".

José Cacabelos sinala que "para nós o máis importante é a repercusión internacional que este evento vai xerar no Grove e na Toxa e para nós é unha promoción moi importante e, sobre todo, amosar que en Galicia, A Toxa e O Grove somos capaces de atraer personalidades a nivel mundial para levar adiante un Foro que pretende marcar un debate importante e unhas liñas estratéxicas de por onde pode ir este mundo coa globalización que temos, un debate de ideas prometedor que se vai celebrar na Toxa".

O alcalde do Grove considera que "é moi importante dar o primeiro paso coa primeira edición pero o traballo que agora temos que facer é darlle continuidade porque debater sempre é positivo, falar de política, falar de democracia, falar de liberdade, falar de economía é necesario e, sobre todo, con estes cambios, estas revolucións tecnolóxicas, o medio ambiente, os cambios globais que estamos tendo". Neste senso, comenta que "desde a alcaldía do Grove e desde a organización hai un compromiso firme de que este Foro se poida continuar e poida seguir realizándose no tempo porque primeiro significará que é un Foro necesario de debate e, segundo, que A Toxa vai coller outra vez ese nome, esa ubicación e esa referencia que todos desexamos". Afirma que "é un evento con moita transcendencia a nivel internacional, polo tanto, a primeira edición é importantísima pero que a segunda, a terceira e a cuarta, que teña unha continuidade ese é un pouco o obxectivo que imos marcar".

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia