CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Puigdemont en Perpiñán

02/03/2020 - 07:38 h

O primeiro que hai que dicir do acto de Puigdemont é que foi un éxito. Se é certo que xuntou máis de cen mil persoas, hai que recoñecer que ten moito poder de convocatoria. Certamente, non houbo mitin máis pregoado e anunciado. Para os independentistas era como a aparición en público do arcanxo San Gabriel. Despois de tanto tempo en Waterloo, tíñano ao lado da casa. E ademais, el estaba dicindo que entraba en Cataluña, porque xa se sabe: Perpiñán é a capital da Cataluña do Norte no soño imperialista do proxecto dos Países Cataláns. Polo de agora e por moito tempo, esa capitalidade é puramente virtual, pero todo é virtual na república de Cataluña.

Despois está o que se viu, que é a realidade interna do independentismo: a un lado, os partidarios do diálogo, liderados por Oriol Junqueras, que defendeu a negociación nun vídeo que mandou á concentración. E apupárono. Asubiáronlle como se fose un españolista. A min deume un pouco de pena que se lle pite a quen quedou aquí, apeitou co que fixo e agora leva unha tempada no cárcere, aínda que lle deixen saír tres días á semana a dar clases na universidade. Si, deume un pouco de pena, porque se aplaude ao covarde que foxe e pítase ao que está preso. Os que estaban alí está claro que son máis de Puigdemont e acudiron porque era un acto de Puigdemont. E o que queda como mensaxe política é que hai moita xente que é partidaria da declaración unilateral de independencia. Debe ser que saben que iso non se pode negociar.

A esa xente, e supoño que ao señor Torra en primeiro lugar, chamouna o fugado “á loita definitiva”. É dicir, a facer o que haxa que facer. Este comentarista só quere facer dous comentarios. Un, que é moi cómodo chamar a outros a que empecen a loita. El estará coma Deus aló en Waterloo vendo pola televisión como os demais se baten contra a a legalidade, arriscándose a todo, empezando quizais pola aplicación do 155 que, aínda que o critique Pedro Sánchez, non lle quedará outro remedio que decretalo se hai algo parecido á declaración de independencia. Que se arrisquen os demais á detención, porque el non pode vir, porque o poden deter.

E segundo: ao rexeitar o diálogo, o que di é que ten moita présa. Quere a independencia aínda que sexa por un procedemento que ningún país europeo aceptará. E aí, benquerido Valiñas, teño unha dúbida: xa non sei se a república catalá que quere crear é un obxectivo desinteresado ou é un desexo de liberdade. Da súa.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia