CRTVG

Buscar

Galicia por Diante

Francisco Conde: "Pedímoslle ao Goberno aproveitar as axudas do fondo de reconstrución da UE para o sector do aluminio"

01/06/2020 - 08:12 h

Logo do anuncio do peche da planta de Alcoa en San Cibrao, a Xunta pídelle ao Goberno que estabeleza "un prezo eléctrico competitivo, como se está facendo en Francia ou Alemaña" e que "poidamos aproveitar as axudas aprobadas a semana pasada pola Unión Europea para o sector do aluminio".

Nunha entrevista no Galicia por diante, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, explicou que "o novo fondo europeo, aprobado a semana pasada, estabelece a posibilidade de que se aproben axudas específicas para proxectos de interese estratéxico na Unión Europea, orientados a garantir a autonomía en sectores clave e esenciais". Así que, continúa Conde, "igual que onte o Goberno anunciou que quere presentar un plan para a automoción" –logo do peche da planta de Nissan en Barcelona– "a nós parécenos axeitado que tamén se presente un plan para o sector do aluminio".

O conselleiro de Industria salienta que "Galicia é a única comunidade autónoma española onde se produce aluminio primario" e deféndeo coma un "sector estratéxico", formado, "ademais de Alcoa", por "outras empresas como Cortizo, Extrugasa ou Exlabesa" que tamén "poderían ser receptoras deste tipo de axudas".

Porén, Conde sinala que "o Goberno o único que lle está trasladando á Xunta é o silencio". "Vanse reunir coa Generalitat, buscando unha solución para Nissan –explica Conde– mentres para Alcoa so trasladan escusas". O conselleiro asegura que "non entendemos este tratamento asimétrico que está desenvolvendo o Executivo central con respecto ás Comunidades Autónomas" e considera que o Goberno "só está preocupado de reunirse coa Generalitat e non responde ás necesidades de Galicia nin se reúne coa Xunta, que está trasladando respostas en positivo".

En xeral, Conde cre que "a transición enerxética está desprazando á industria e ao emprego industrial". Nese sentido, continúa o conselleiro, "lamento que tanto a ministra de Industria, como a de Traballo e a de Economía –tres ministerios dos cales dous están dirixidos por galegas– estean deixando de lado á industria e que pareza que de cara ao futuro só poidamos falar de transición enerxética". En palabras do conselleiro, "nós entendemos que Europa está tendendo unha ponte para que estes sectores industriais sexan compatibles coa transición enerxética, e nós é o que estamos a defender".

SOLUCIÓNS TAMÉN PARA O SECTOR DA AUTOMOCIÓN

Logo da súa visita, a semana pasada, á planta de PSA en Vigo, Conde, asegura, marchou cunha "sensación agridoce", xa que, di, "atopámonos cunha empresa que está apostando decididamente pola súa competitividade e por gañar esa posición que lle ten permitido fabricar aquí en Galicia máis –continúa o conselleiro– lamentablemente temos un Goberno que non está dando unha resposta ao que precisa o sector".

Concretamente, Conde pide que se estabelezan "incentivos á demanda non só de vehículos eléctricos, senón tamén con tecnoloxía eficiente, como está a apoiar, por exemplo, en Francia, o Goberno de Macron". Porén, asegura o conselleiro, "o único co que nos atopamos e cun Goberno que non despexa as necesidades que ten a automoción". "Se a isto lle engadimos o debate que o Goberno está abrindo sobre a reforma laboral –engade Conde– o único co que atopamos é con incertezas".

O conselleiro de Industria pide "un apoio decidido pola innovación e pola formación, para que PSA e toda a industria de compoñentes poidan fixar a súa produción aquí, en Galicia". "Ese sería o obxectivo e o que lle estamos a pedir", concluíu Conde.

As claves informativas do día, con especial atención á actualidade de Galicia