CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Alfonso Rueda sobre Feijóo: "Tiña a convicción de que ía quedarse e agora teño a convicción de que pode dicir o mesmo"

26/01/2020 - 08:22 h

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, agarda que Alberto Núñez Feijoo volva  ser candidato do PPdeG nas próximas eleccións autonómicas. Nunha entrevista na Radio Galega, dixo que “espero que a decisión xesa que volva a ser o candidato. É o que estamos desexando moitísima xente. É o que moita xente está esperando. Se me di se o vexo animado, sí. Se estou na súa cabeza para saber tódolos condicionantes, non. En iso so está el”. E engade que “hai dous anos tivo oportunidade de iniciar un novo proxecto político a nivel nacional e elixiu quedar en Galicia. Naquel momento tiña a íntima convicción de que ía tomar esa decisión. Agora, e volvo a dicir que é unha sensación absolutamente persoal, teño a convicción de que pode dicir o mesmo. Ogallá fose así”.

Logo da visita a Galicia do ministro de Transportes, o vicepresidente da Xunta acusaba no Galicia por Diante a José Luis Ábalos de “mentir descaradamente” coas datas do AVE: “cando lle dixemos na viaxe que fixemos en probas dende Benavente a Puebla de Sanabria no mes de setembro de 2019 que nos parecía moi complicado que o AVE estivera nos prazos que estaba dicindo e que por favor nos contara a verdade para facer unha planificación, volveron insistir outra vez que se ían cumprir os prazos e agora vemos que todo aquilo era mentira. Polo tanto mentiu, mentiu descaradamente”. Rueda desconfía de que a Alta Velocidade estea operativa en 2021 e láiase de que o ministro “nin sequera é capaz de comprometerse durante o ano. Nos di que o ano é moi longo e polo tanto que no 2021 xa veremos. Iso en linguaxe de Ábalos quere dicir que nin sequera no 2021”.

 

Alfonso Rueda tamén insta ao Goberno Central a sentar a negociar a transferencia da AP-9: “se o requisito é ter lealdade dende a Xunta ten toda a do mundo. Pero nós a cambio pedimos efectividade e ganas de verdade de empezar a transferencia. Podemos empezar mañá mesmo”. Tamén cuestiona que se dilúa o compromiso acadado por PSOE e BNG de cara á rebaixa da peaxe da autoestrada: “cada vez van rebaixando máis, papel mollado absolutamente e iso fai concibir poucas esperanzas. Aínda así eu volvo insistir: a transferencia hai que facela entre gobernos. Eu lle digo ao señor Ábalos que mañá mesmo nos podemos empezar a sentar”.

 

Rueda critica ademais o que cualifica de “servilismo” de Gonzalo Caballero en relación ao Goberno Central: “traga o que faga falta” e atribúeo á súa “debilidade política, a pensar que aquí ten moi poucos apoios”. E engade que “se repasa todo o dito por Gonzalo Caballero dende que lidera o Partido Socialista en Galicia verá que nin unha soa vez esixiu que o AVE viñera en prazo e que o Goberno Socialista cumprirá os prazos que o propio Goberno Socialista comprometía. Ao final é moito máis brando co señor Sánchez que o propio señor Sánchez. A Gonzalo Caballero cada vez que se anuncia un atraso, cada vez que se confirma que o AVE non ía estar nos prazos comprometidos parecíalle moi ben e inmediatamente buscaba unha excusa para dicir que a culpa non era dos que tiñan que traer o AVE” e conclúe “excusas de mal pagador. O malo é que esa factura de mal pagador a vai pagar Galicia, non o Goberno Socialista”.

 

O vicepresidente da Xunta tamén lle esixe ao Executivo central que aboe os cartos pendentes do IVE e dos incentivos por cumprir o teito de gasto. Cre que o Ministerio de Facenda aínda ten marxe para rectificar: “eu espero que o Goberno non sexa capaz de obrigarnos a todas as comunidades autónomas a presentar un recurso na Audiencia Nacional” e engadía que “esperemos que o Goberno entre en razón, que no Consello de Ministros da semana que vén se poida facer. Agora xa non hai excusa”. Rueda critica a actitude de María Jesús Montero: “se ela mesma se escoitara as súas declaración, o que dixo no 19, o que despois dixo no 20 e se se escoitara sobre todo cando era responsable autonómica de Facenda na Junta de Andalucía supoño que se lle caería a cara de vergoña”.

Alfonso Rueda tamén amosou unha “enorme decepción” co borrador de estatuto para as empresas electrointensivas que presentou o Ministerio de Industria e esixe melloras: “Que se poña as pilas e presente outra proposta. Esta que presentou non vale”. Esixe tamén unha transición enerxética ordenada para evitar o peche inminente da térmica de Endesa nas Pontes e unha rectficación do borrador de regulamento da Lei de Costas porque advirte que tería “un impacto económico brutal en Galicia”.

 

Rueda tamén denuncia a actitude do Goberno central en relación a Venezuela logo da visita a España de Juan Guaidó, de que non fose recibido por Pedro Sánchez e pola polémica sucitada polo contacto de José Luis Ábalos coa número dous do réxime de Nicolás Maduro nun avión en Barajas: “Os miles e miles de galegos que tiveron que volver a Galicia e os miles e miles de galegos que seguen vivindo en Venezuela creo que non se merecen esta actitude do señor Sánchez e merecen unha explicación e ata o de agora non se está dando, o cal o fai todavía moito máis raro e pensar que hai algo que non se nos está contando e que debe ser moi gordo para ter esta actitude”. Sobre o saúdo de Ábalos a Delcy Rodríguez di que “parece unha película de espías” e cuestiona as varias versións do ministro: “mentira sobre mentira” e engade Rueda que “un señor que foi capaz de dicir en 6 horas 4 mentiras diferentes respecto á súa viaxe ao avión da vicepresidenta venezolana é capaz de mentir en cousas moito máis importantes”.