CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

José Antonio Zan, presidente do comité de Alcoa San Cibrao: "A poxa non vai saír ben para Alcoa si ou si"

14/12/2019 - 08:33 h

O presidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao, José Antonio Zan, expresa o seu pesimismo ante a poxa de interrompibilidade eléctrica prevista para a próxima semana, coa que as grandes consumidoras de enerxía poden conseguir un prezo de luz máis barato. 

Nunha entrevista no 'Galicia por diante', Zan afirmou rotundo que "a poxa non vai saír ben para Alcoa si ou si" porque van "competir con empresas que realmente non necesitan esa poxa". Argumenta que para Alcoa San Cibrao, esa poxa "é o 4 por cento da nosa factura e competimos con empresas que lles dá igual". Non só iso, senón que incide en que "se baixa moito o prezo a nós énos inviable". 

Zan asegura que o risco de peche tras unha poxa insatisfactoria plana sobre a factoría da Mariña pero engade que "é un risco non só de Alcoa, senón do resto de empresas electrointensivas en España".

Tras acusar o Goberno central de que "que non queren industria", Zan insistiu en que se "fixo unha auténtica salvaxada industrial coa poxa de interrompibilidade". "Nós tiñamos dous marcos regulatorios, un era da poxa e outro era do CO2. Cargámonos un, que é a poxa, e o C2 é un marco que non é estable porque vai directamente asociado aos orzamentos xerais do Estado, ou sexa, que cada ano hai que andar chorando para que dean o máximo e para que o aproben", explicou, para logo aclarar que "estamos a decembro e aínda non se pagou o deste ano ou sexa que aquí depende de dicir a unha empresa que si que lle imos dar e non cumprir nada e enriba encarecer o prezo da luz, cando xa o tiñamos máis caro que ningúen, ao final o que nos vai a abocar é ao peche das plantas porque o Goberno non está lexislando". 

Os traballadores de Alcoa San Cibrao concentraranse este mediodía perante a Subdelegación do Goberno en Lugo para reclamar a reapertura urxente da Mesa de Alcoa. Así mesmo, Zan avanzou que o luns se reunirán co presidente da Xunta e que o mércores viaxarán a Madrid para se reunir con representantes do PP, Podemos e BNG. 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí