CRTVG

Buscar

Galicia por Diante Fin de Semana

Antón Sánchez, de Anova: "Nós imos estar nas autonómicas cun proxecto fortalecido e relanzado"

14/12/2019 - 08:24 h

O voceiro nacional de Anova e único candidato á reelección na cuarta Asemblea Nacional da formación, que se desenvolve este sábado, confirmou na Radio Galega que a formación nacionalista se presentará ás autonómicas.

A folla de ruta marcarana hoxe os militantes. Antón Sánchez dixo que apostarán polo diálogo e por frontes amplas da esquerda rupturista, pero que se non hai acordo coas distintas formacións, entre elas Podemos, Esquerda Unida ou as Mareas municipalistas, Anova se presentará en solitario ás eleccións galegas do ano que vén para "rematar con dez anos negros do PP", dixo nunha entrevista no 'Galicia por diante fin de semana' da Radio Galega.

Sánchez dixo que desta Asemblea sairá un proxecto fortalecido e relanzado, no que xogará un papel importante o exalcalde de Santiago, Martiño Noriega, que o acompaña como número 3 na única candidatura que se presentou para renovar os órganos de dirección. Tamén figura o histórico Xosé Manuel Beira, como número 5. En total, 50 persoas entre as que figuran ademais Gladys Afonso, Critina Amor, Raúl Asegurado ou Miguel Anxo Fernán-Vello.