CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

A novena xornada da Liga de Segunda, esta semana na Radio Galega

29/09/2019 - 22:59 h

A Liga de fútbol na Segunda División non ten parada. Entre o martes e o xoves dispútase a novena xornada do campionato. O Lugo xoga o mércores en Miranda de Ebro, mentres o Deportivo visita o xoves ao Girona.

Na Radio Galega, Paco Santos conducirá as dúas edicións especiais de Galicia en Goles. Os oíntes poderán seguir o mércores, desde as sete menos cuarto da tarde, a retransmisión do Mirandés-Lugo desde o estadio Anduva, coa narración de Andrés Vieites, a través da FM, TDT, a web radiogalega e a app para os dispositivos móbiles.

O Lugo afronta esta viaxe tras o pau que supuxo a derrota no Anxo Carro fronte ao Tenerife por 1-4. O equipo de Eloi aférrase a teoría de que é máis fiable fóra da casa, onde obtén mellores resultados.

O xoves, ás oito e media, comeza a programación especial adicada ao Girona-Deportivo, desde Montilivi, coa narración de Javi Torres. Destacar que a emisión deste partido non irá pola FM, xa que de nove a once da noite ofrecerase unha edición especial de A crónica desde A Toxa. Neste caso, poderán seguilo os oíntes a través da TDT, radiogalega.gal e a aplicación para o móbil.

O último empate ante o Mirandés provocou o malestar da afección, que pediu a berros en Riazor a demisión da directiva e mesmo do director deportivo. O presidente, Paco Zas, confirmou o luns a confianza en Anquela nunha semana complicada, xa que o próximo é un dos candidatos ao ascenso tras perder a categoría a temporada pasada. Así e todo, na clasificación só avantaxa en tres puntos ao Deportivo.