CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

A Radio Galega dedica este xoves unha programación especial aos actos do centenario do Racing de Ferrol

10/11/2019 - 16:25 h

A Radio Galega dedica este xoves unha programación especial aos actos do centenario do Racing de Ferrol.

Desde as oito menos cinco da tarde, Paco Santos dirixe a retransmisión do partido entre o equipo verde e o Sevilla, que lembra a histórica final da Copa de 1939. Raúl Villares encargarase da narración, co apoio de Roberto Carlos Carballo movéndose co micrófono sen fíos ao pé do campo.

O encontro amigable chega nun bo momento para os dous protagonistas. O Racing encadea tres vitorias consecutivas e xa está sétimo na clasificación, a catro puntos da cuarta praza, que dá dereito a disputar a fase de ascenso á Segunda División A. O Sevilla, mentres, vén de gañar o derbi no Villamarín e ocupa a cuarta praza a só un punto dos líderes, Barcelona e Real Madrid.

A emisión do Racing-Sevilla chegará a través da TDT, a web radiogalega.gal e a aplicación Radioplayer España. Na FM, os oíntes terán información entre as oito e media e as nove da noite, dentro do espazo de deportes de A crónica.

Xa ás once da noite, na FM, o programa Ao contraataque emitirase desde o estadio da Malata. Pedro Pablo Alonso dedicaralle a hora de duración á historia do club departamental, con entrevistas aos principais protagonistas do encontro amigable.