CRTVG

Buscar

Galicia en Goles

O pelotón da Volta Ciclista a España chega a Galicia

01/11/2020 - 15:05 h

O pelotón da Volta Ciclista a España chega a Galicia e a Radio Galega ten preparada unha ampla despregadura para dar cobertura á carreira. O martes, desde as 4 da tarde, Paco Santos conduce a retransmisión dunha das tiradas máis espectaculares desta edición, a subida ao Ézaro, na modalidade contra o reloxo. Pedro Pablo Alonso encargarase da narración, con Roberto Carlos Carballo no micrófono sen fíos e cos comentarios do corredor Gustavo César Veloso acompañado por Raúl Villares nos estudios centrais.

O mércores, tamén a partir das 4, o programa especial contará o desenlace da etapa con saída en Lugo e chegada en Ourense. Durante a tarde, o ciclismo non será o único protagonista, xa que vai coincidir co encontro de fútbol feminino entre o Real Madrid e o Deportivo da Coruña, que se disputará en Valdebebas. Javi Torres encargarase de trasladar á audiencia o que suceda neste compromiso do campionato de Liga.

Ademais das dúas edicións especiais, o equipo deportivo da Radio Galega informará da Vuelta a España nos programas Zona mixta, ás 3 da tarde; A crónica dos deportes, ás oito e media do serán; e Ao contraataque, a partir das 11 da noite.

As emisións deportivas chegan aos oíntes a través da FM, TDT, radiogalega.gal, Radioplayer España, altofalantes Alexa e a calquera hora a través do podcast da web.