CRTVG

Buscar

Santiago, 22.12.2019.- A Radio Galega e a web da CRTVG cubrirán tamén toda a información e as anécdotas do día e, por suposto, contarán os premios máis importantes, especialmente os que caian en Galicia.

Kiko Novoa e Cristina García conducirán de 09.00 a 14.00 h na RG un programa especial en que contarán coa colaboración de Paco Lodeiro e Octavio Villazala. Cun amplo dispositivo de reporteiros espallados polo territorio galego, informarase en directo desde calquera punto ao que chegue a fortuna en forma de premios, dos que tamén se dará conta a través das redes sociais da Radio Galega.

A principal novidade deste 'Especial Lotaría de Nadal' da emisora pública, será a súa emisión en directo a través de Facebook Live da Radio Galega a partir das 9h, e animará á audiencia a participar nun concurso, con sorteo de xamóns Coren cada hora.

O programa estará pendente do que suceda nas redes sociais (@RadioGalega e @GxDRadioGalega) a través das nosas contas de Twitter, Facebook e Instagram.

TVG

Os medios públicos galegos amencerán hoxe cun amplo dispositivo técnico e humano para achegarlles aos espectadores unha das xornadas máis ilusionantes e agardadas do ano, a da sorte e a que marca o inicio das festas de Nadal. Nun programa especial presentado por Almudena de Urzáiz e Arturo Fernández, a Televisión de Galicia ofrecerá o sorteo da Lotaría de Nadal, desde as 08.15 h e con preto de seis horas en directo

Desde un set especificamente deseñado para o Estudio 5 da CRTVG, con dous espazos diferencias e un videowall, o especial 'Sorteo Lotaría de Nadal' seguirá toda a acutalidade da mañá con once puntos do directo, dous no Teatro Real de Madrid, onde Luís Enrique Ramos e Fran Cañotas narrarán o sorteo, e outros nove cubrindo a totalidade da xeografía galega, co obxectivo de estar próximos a calquera premio que haxa na comunidade. Así, a TVG contará con equipos na CoruñaLugoOurenseVigoSantiagoVilagarcía de ArousaO Barco de ValdeorrasAres e Vilalba.

Ademais, o programa contará coa presenza no estudio dos colaboradores Inma Morandeira e Moncho Lemos, que comentarán todos os datos, as anécdotas e as curiosidades que ofreza a xornada. No estudio tamén estarán o coleccionista de lotaría Diego Rodríguez e o actor Edgar Costas, protagonista dun dos anuncios máis emotivos da publicidade deste ano da Lotaría de Nadal.

O programa especial da TVG estará tamén moi pendente do que se comente nas redes sociais e establecerá conexións en directo coa redacción de Informativos, desde a que entrará en directo Eduardo Herrero coa última hora deste 22 de decembro.


Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí