CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'Os jeans de María', de Lois Alcayde Dans, e 'Veleno en familia', de Rocío Leira

22/10/2019 - 10:46 h

Esta semana Armando Requeixo proponnos alternar a lectura de relato e novela. O libro de contos ao que nos convida titúlase Os jeans de María e é obra de Lois Alcayde Dans. A narración longa que nos presenta é Veleno en familia e asínaa Rocío Leira.

Os jeans de María (Galaxia) reúne dezasete historias ambientadas principalmente na cidade herculina, aínda que varias delas tamén acontecen en Madrid. Son, por tanto, narracións urbanas que nos amosan personaxes que ven alterada a súa cotidianeidade polo inesperado. Os medos, os temores e as desesperanzas, mais tamén as ilusións, os desexos e os afectos poboan estes relatos narrados cunha prosa moi coidada, chea de plásticas imaxes e un indubidable alento poético.

Veleno en familia (Baía) é unha narración que entretece intriga e equívocos no seo dunha peculiar familia composta por unha nai rosmona e teimuda, unha filla aparentemente apoucada e sufrida, unha sobriña impulsiva e namoradeira e un xenro visceral e instintivo. As relacións que entre todos eles manteñen ocultan segredos inconfesables, pulsións asasinas e paixóns e odios desmedidos que os levarán ao asasinato e a destrución das súas vidas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí