CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Balance escénico do ano 2019: Capítulo III

18/12/2019 - 10:47 h

 

Se fosen turistas, levarían gafas de sol é o segundo proxecto da triloxía do espazo e o tempo da compañía Limiar Teatro, en coprodución neste caso con institucións de Galicia, Portugal, A Arxentina e O Uruguai.
Unha terceira xeración de galegos que se queren encontrar coa memoria migrante, co exilio e os vínculos familiares alén do Miño, no país irmán e alén do Atlántico, na que foi a quinta provincia galega durante o franquismo (aínda que a ditadura non estea demasiado latente nesta festa e viño).
Todas as persoas teñen razóns profundas para deixar o seu país natal e convén non esquecer, malia sermos agora país de acollida, principalmente. O espectáculo concíbese como un encontro, coma unha festa (quizais Valadares, en Vigo), onde a música, as fotografías e a comida trazan unha paisaxe de afectos, fábulas e relatos persoais. Mestúranse o relato e a fábula, nun espazo escénico que funciona como rito e como xogo, onde agora se poden planificar viaxes con gafas de sol, dende a comodidade do presente, a que nos concede este suposto estado do benestar.
Estreouse en Galicia na sede do CDG, ese teatro público ao que lle depara un futuro incerto despois do último capítulo levado a cabo pola Axencia Galega das Industrias Culturais, que pretende co borrador do seu novo estatuto deixar ao seu futuro director sen autonomía e representatividade, deseñando un control ou inxerencia pola cal o Director/a proporá a programación e non decidirá independentemente os seus contidos. Novas etapas de control, que está por ver se a sociedade democrática está disposta a permitir para seguir garantindo escenarios de liberdade de creación e expresión.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí