CRTVG

Buscar

Diario Cultural

A artista coruñesa Luísa Valdés expón 'Bivalvos vividores'

12/08/2020 - 14:44 h

O seu novo traballo é unha reflexión sobre o paso do tempo e unha metáfora da natureza, como reflexo da súa vida.

Estamos a vivir un tempo no que a observación sobre a actuación do ser humano na natureza, dános pé a ser conscientes de nosa propia fraxilidade. Nesta obra identifícase con estes bivalvos vividores, estes mexillóns que serven de escusa para reflectir o seu mundo persoal, traballados con detemento e observados, tras unha recollida física na praia. O acto de recoller, observar,atesourar, coleccionar e debuxar convértese nunha obsesión. A través destes debuxos mostra a súa percepción da vida, con todo o que esta deixa escrita na súa cuncha.

Atrae o contraste entre o seu caparazón exterior, que identifica coa súa propia pel e a súa experiencia como muller, e o interior do bivalvo, a súa carne, laranxa, atada sufrinte que se expresa con forza. Mexillóns varados na praia, soamente as súas cunchas, a súa capa externa, un final da vida, con toda a súa historia escrita encima, póusanse sobre a area e por fin descansan, exhaustos. As súas peles conteñen todo ese mundo vivido, un reflexo do pasado estratificado en capas, salpicado de volcáns. Unha vida embarullada, como todas as vidas, arrolada polo océano.