CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Balance escénico do ano 2019: Capítulo II

11/12/2019 - 10:46 h

O ano non deixa un cuantioso volume de traducións de obras teatrais publicadas en galego, pero podemos resaltar algunhas: as de Shakespeare, Ao voso gusto e Medida por medida, en Laiovento, de Miguel Pérez Romero. Tamén O home traveseiro de Martin McDonagh, realizada por Manuel Vieites e publicada na colección de teatro da editorial Galaxia. Malia a escasísima publicación de traducións da literatura dramática universal á nosa lingua, ás veces dáse o paradoxo de sermos os primeiros en ter a obra completa ou algunha peza contemporánea traducida antes en galego ca noutra lingua próxima coma o castelán ou o portugués, como é o caso da obra completa de Sarah Kane nesta mesma colección.
Por outro lado, as artes do movemento en Galicia viviron unha das etapas máis axitadas e complexas dos últimos tempos. Dous comunicados da Plataforma de afectadas polo Centro Coreográfico Galego, en xuño e en novembro puxeron en evidencia irregularidades e malas praxes, recortes e deixazóns. A renuncia da Directora do Coreográfico non fixo reaccionar á Administración e a AGADIC aínda segue sen convocar a día de hoxe o concurso público para a provisión do posto que debe guiar as accións de fomento da creación, difusión e divulgación da danza en Galicia, tan urxentes. Outra falla grave a engadir na xestión das artes escénicas nun annus horribilis para a Consellería de Cultura e sobre todo para o público.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí