CRTVG

Buscar

Diario Cultural

Estrea de 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro

05/02/2020 - 10:50 h

A colaboración de Roberto Pascual céntrase na estrea de 'O mel non caduca', de Ibuprofeno Teatro.

A compañía Ibuprofeno estreou nova peza, con texto orixinal de Santiago Cortegoso e interpretación de Marián Bañobre e Avelino González.
'O mel non caduca' é un paso adiante e de consolidación dunha compañía que aposta pola dramaturxia galega de autor e a escrita a pé de obra de temas que lle afectan á sociedade actual. Comezou a partir do interese pola obsolescencia programada, sobre o que a compañía realizou talleres e exploracións, para chegar a unha historia, que mestura futurismo e consciencia ecolóxica e así falar do abandono familiar, do estilo de vida consumista ou as sofisticadas leis da natureza, etc.
Cunha mestura de lirismo e narratividade, vaise entretecendo a historia de dous irmáns que descobren o corpo da súa nai morta e esquecida dende hai tempo no medio de escenas distópicas sobre uns científicos que pretenden recuperar unha especie vital e sostible, as avellas, xa extinguidas. Un mundo conceptual a través do cal se compón tamén a escenografía e os xogos teatrais, con esixencia física e un afinado ritmo textual.
Na preestrea, en Catoira, o encontro co público, a unha semana do lanzamento, foi produtivo para ambas partes e unha experiencia moi rica arredor da creación escénica, en comunidade, coherente co lema de vida sobre o que nos fai reflexionar a peza.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí