CRTVG

Buscar

Diario Cultural

'Os Estados e Imperios da Lúa', de Cyrano de Bergerac, e mais 'As confesións dunha filla do século', de Donna Paola

04/02/2020 - 10:50 h

Esta semana Armando Requeixo tráenos noticia de dous textos narrativos traducidos: Os Estados e Imperios da Lúa, de Cyrano de Bergerac, e mais As confesións dunha filla do século, de Donna Paola.

Traducido dende o francés orixinal por Henrique Harguindey Banet, O outro mundo ou Os Estados e Imperios da Lúa (Rinoceronte) foi escrita por Cyrano de Bergerac a mediados do século XVII. Clásico da literatura de viaxes imaxinarios ao espazo, o autor sérvese do subterfuxio de recrear unha ficticia estancia na Lúa para defrontar o goberno dos lueses co dos terrícolas e así poder criticar a política e a sociedade do seu tempo, especialmente os asuntos relixiosos, o despotismo da realeza e da nobreza e tamén o esquecemento da ciencia e do saber.

As confesións dunha filla do século. Epistolario dunha morta (Hugin e Munin) é unha tradución do italiano realizada por Isabel Soto. A novela foi publicada en 1901 e ten forma epistolar. Nela, a súa protagonista, Viviana, dá a coñecer as dificultades da que foi a súa vida e a visión que ten das relacións interpersoais a través de oito cartas que envía a outras tantas persoas sinaladas e próximas a ela logo de se suicidar. Por medio destas epístolas imos descubrindo a hipocrisía social da súa época, ao tempo que se afirma a liberdade sexual da protagonista, namorada dende adolescente da súa amiga Paola.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí