CRTVG

Buscar

Destacados

Coronavirus, medidas

03/03/2020 - 07:37 h

Os datos son estes: hai unha semana, o martes, 25 de febreiro, a gran noticia do coronavirus era que un turista italiano fora ingresado en Tenerife e que tiñamos tres positivos en España. Tres, Valiñas, e hoxe amencemos contando máis de 120. Non é por alarmar, pero en sete días detectáronse 117 novos casos. Sae a unha media de case vinte diarios. E cada día foise incorporando unha comunidade autónoma aos focos de contaxio. Grazas a Deus, Galicia aínda está libre, e toco madeira ao dicilo.

Iso, no que respecta aos casos coñecidos en España. En Italia, xa sabedes: van camiño dos 2.000 e en case todas as rexións. Bruxelas aumenta o nivel de risco e pásao de moderado baixo a moderado alto. Vemos situacións pintorescas, como un ministro de Merkel que non lle dá a man á chanceler. Escoitamos tamén as repercusións económicas das que falamos hai unhas xornadas, pero cada día empeoran un pouco máis. Xa sabemos o que perdeu a Bolsa española dende que empezou a epidemia en Europa: máis de 70.000 millóns de euros, que se di pronto. A OCDE recorta a previsión de crecemento do PIB de todo o mundo en medio punto porcentual. E onte coñecemos o que están perdendo moitas pequenas empresas españolas, que non poden comprar produtos na China. Como isto siga así, as previsións dos orzamentos do Goberno español non valerán de moito, porque serán arrasadas polo coronavirus.

Como é natural, todas as nacións afectadas empezan a adoptar medidas que complementan as puramente médicas, que tampouco son moitas, porque nin hai menciñas específicas nin hai vacinas. Xa coñecemos as recomendacións de lavar moito as mans, tusir na manga á altura do cóbado, non viaxar a países de risco ou chamar ao 112 para non colapsar as urxencias. En Italia prohíbese estar a menos dun metro doutra persoa; non sei como farán nos autobuses ou na barra dos bares. En Francia fálase de prohibir as concentracións de máis de cinco mil persoas; mágoa que non o fixesen antes do sábado que estaba alí Puigdemont. E xa se sabe como non se puido celebrar en Barcelona o Mobile, como se prohibiron outras feiras internacionais e como se van prohibir moitas outras. E quizais, acontecementos deportivos.

Agora, o ministro de Sanidade e os conselleiros autonómicos acordaron non obrigar ao peche de escolas e a fomentar o teletraballo. O peche de escolas xa o teñen previsto as escolas mesmas. Polo menos, na do meu fillo xa nos informaron de que pecharían se se daba un só caso. E eu, benquerido Valiñas, non teño máis comentario que dicir que este: señor ministro, señores conselleiros, fagan o que teñan que facer. Trataremos de cumprir.

Cortes dos diferentes programas da RG