CRTVG

Buscar

A Radio Galega, en directo desde Culturgal

A Radio Galega estará presente no Pazo da Cultura de Pontevedra, desde onde se ofrecerá o venres en directo o programa 'Diario cultural'. De 17.00 a 18.00 h, o presentador Vituco Neira falará con membros da organización e co debuxante Kiko Da Silva, que presenta novo libro en Culturgal. Ademais, o programa ofrecerá un faladoiro entre representantes de pequenas editoriais para coñecer a situación do sector.

Xa o sábado, ás 17.30 h, a Radio Galega organiza en Culturgal un concerto para toda a familia, o do grupo interxeracional Deteriorados, integrado por xente nova e tamén xubilados. A súa proposta vai máis alá da música e céntrase nesa colaboración entre mozos e maiores.

Ademais, a Radio Galega emitirá en streaming a través do seu Facebook o concerto que ofrecerá este sábado Marful en Culturgal. Dentro da estratexia de innovación da radio pública galega, emitirase en directo o reencontro dos membros do grupo, que estarán acompañados neste evento cultural pola cantante de Operación Triunfo Sabela Ramil.

Tamén o sábado, ás 13.00 horas, presentarase a película participada pola CRTVG 'María Soliña', o novo proxecto de Ignacio Vilar, que reconstrúe a historia da viúva canguesa María Soliña, que foi acusada de bruxería pola Inquisición no ano 1621.