CRTVG

Buscar

Xulgan na Coruña un home acusado de acoitelar un compañeiro de piso

Publicado o 11/02/2020 14:25

De xeito rotundo, o procesado negou todos os feitos polos que é investigado. Asegurou que non sabía nada da coitelada, mesmo o xurou, e negou tamén que lle roubara os 700 euros á vítima porque, dixo, non ía collerlle cartos a alguén que está practicamente na rúa.

Explicou que foron os outros dous compañeiros os que comezaron a pelexar por un coitelo e que el lles pediu que saísen porque estaban moi violentos e ían estragar todo o piso. Engadiu que un deles, que xa foi xulgado, baixou á rúa con dous coitelos e que el collera un desaparafusador por se tiña que defenderse porque temía que houbese unha morte.

Porén, a versión da vítima, que declarou por videoconferencia, foi outra ben distinta. Relatou que estaba enriba do outro mozo, pelexando, e que o agora acusado foi quen lle cravou un coitelo afiado e que lle roubou os 700 euros que levaba no peto e que procedían do paro que cobraba. Despois dixo que baixara á rúa para pedir axuda.

A fiscalía pide para el, no caso de que os feitos se consideren homicidio en grao de tentativa, 9 anos de cadea, e, de ser un delito de lesións consumado con arma branca, 5 anos de prisión. Amais pide outros cinco anos polo delito de roubo con violencia.

Pola súa banda, a defensa solicita a libre absolución alegando que non hai probas e baseándose tamén na recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que acaba de absolver o outro home que fora condenado a tres anos e medio de cadea pola Audiencia Provincial da Coruña. O xuízo quedou xa visto para sentenza.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/02/2020