CRTVG

Buscar

Xuízo polo accidente da AP-9 en Vigo: podería acabar cunha multa para o acusado de 2.700 euros e a retirada do carné

Publicado o 24/09/2020 11:13

O xuízo polo accidente da AP-9 en Vigo en que faleceran tres mozos pode acabar cunha multa para o acusado de 2.700 euros e a retirada do carné de conducir. 

A vista celebrouse nas últimas horas na Audiencia Provincial en Vigo. Nela non estivo presente o acusado, o condutor de 18 anos, que non estaba obrigado a acudir por cualificarse o delito como leve. O accidente tivo lugar o 29 de maio de 2019. Nel faleceran tres mozos de 17 anos, Bieito, Sofía e Sara. O mozo pediu perdón ás vítimas por escrito e alegou que a barreira de seguridade era máis feble do recomendado para este treito da autoestrada e non soportou a carga do coche, polo que acabou envorcando.

A defensa formulou a súa absolución e a condena mínima por un só delito, porque unicamente a familia dun dos falecidos seguiu adiante co proceso. Mentres, o fiscal sostén que o condutor circulaba con exceso de velocidade. Considera que os feitos constitúen tres delitos de homicidio por imprudencia menos grave, así como outro de lesións, e solicita para o condutor unha condena de 2.700 euros de multa e 18 meses de retirada do carné de conducir. 

 

Noticias web

24/09/2020