CRTVG

Buscar

Xosé Luís Méndez Romeu: "Galicia debería proxectarse cara ao exterior en base ao coñecemento e á innovación"

Publicado o 04/12/2018 11:18

Na entrevista do 'Bos Días' falamos con Xosé Luís Méndez Romeu, autor do 'Informe sobre a política de acción exterior para Galicia'.

  • Os resultados das eleccións andaluzas e a irrupción de Vox

"As eleccións de Andalucía abren un escenario de incerteza e inestabilidade, pero o que vemos en Andalucía é o que está ocorrendo en Europa dende hai uns anos".

"Temos que desdramatizar a situación. Existe unha pulsión populista no ámbito da dereita porque hai un sector do electorado que non está satisfeito coas solucións dos outros partidos de dereita e de centro". "Todo isto fai que exista un movemento semellante ao que estamos vendo en Europa". "Temos que consideralos nun expectro ultra, que están liderando Trump ou Bolsonaro".

"Nos próximos anos teremos que dedicar unha parte do esforzo político a combater unhas ideas radicais e extremistas, pero que son tan democráticas como as que están defendendo outros grupos populistas de esquerda en España, como pode ser Bildu".

"O que non prediciron as enquisas era a forza coa que ía entrar Vox".

"Despois destes resultados, Vox terá presenza nas eleccións autonómica do mes de maio. E estará presente en Madrid, en Valencia ou en Cataluña. É dicir, alí onde o fraccionamento do Partido Popular está deixando lagoas".

"É máis dificil que cheguen a ter representación nas eleccións municipais".

  • O PSOE, tocado en Andalucía

"En Andalucía, nalgún momento se tiña que producir un cambio. Canto antes se asuma a nova situación, antes se poderá iniciar o proceso de rexeneración". "Non se pode esquecer que, malia todo, o PSOE gañou as eleccións en Andalucía".

"A dimisión de Susana Díaz é unha decisión que se debe ás loitas de poder internas do Partido Socialista". "Queda moito tempo para tomar decisións".

  • Informe sobre a política de acción exterior para Galicia

"Galicia ten unha vocación de intercambio comercial cos grandes países da UE". "É certo que temos vencellos importantes con Latinoamérica e Portugal". "Galicia tivo unha forte vocación cara ao exterior cos gobernos de Fraga e Touriño, e quizais perdeu forza co goberno actual". "En todo caso, o Informe tenta poñer de manifesto o que se pode facer en base ás accións dos últimos 30 anos".

"Hai que ter clara a imaxe que queremos proxectar no exterior. Competimos con outros moitos territorios. No Informe definimos algunhas liñas: Galicia debería proxectarse en base ao coñecemento, á creatividade e á innovación. Poñer en valor os intanxibles, que son os que lle dan o valor engadido á produción".

 

 

 

Noticias web

04/12/2018