CRTVG

Buscar

Xinzo estabiliza os contaxios: en catro días os casos activos baixaron un 10 %

Publicado o 28/01/2021 23:29

Os esforzo dos veciños e veciñas por cumpriren coas estritas medidas conseguen comezar a achatar a curva de contaxios en Xinzo de Limia.

"Podemos dicir que a situación na comarca da Limia empeza a estabilizarse. No caso do concello de Xinzo, reduciu un 10 % nos últimos catro días o número de casos activos, hoxe ten 217, e esta tónica estase estendendo ao resto de concellos da comarca", asegura Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense, O Barco e Verín. 

Unha semana antes das medidas máis restritivas, o tecido comercial e veciñanza seguía as recomendacións do Concello.

"Case podemos acuñar o termo do modelo O Carballiño, posto que está dando resultados. En Xinzo lévase aplicando a recomendación de que a xente adiante o toque de queda ás oito da tarde, e tamén que o comercio, daquela aínda estaba aberta a hostalería, peche ás seis da tarde", di a alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama.

A actividade reduciuse ao esencial e os casos pasaron dos 247 o domingo aos 217 casos de hoxe. "Non hai movemento de xente". "Pechamos ás seis. Din que é necesario para axudar que os contaxios diminúan". "Eu saio o menos posible". "Oxalá que isto axude a baixar unha eiva que nos está prexudicando moitísimo", din os veciños.

Con todo, as hopitalizacións seguirán subindo, e por iso hai que seguir limitanto os contactos. Félix Rubial di que hai que ser "moi prudentes na avaliación destas cifras. Temos que pedir, loxicamente, á cidadanía que manteña as medidas de precaución establecidas e que cumpra as restricións".

Xunto á comarca de Ourense, A Limia é a máis afectada pola alta incidencia do virus.

 

Noticias web

28/01/2021