CRTVG

Buscar

Xa non cómpre permiso da Xunta para obras menores nas vivendas á beira da estrada

Publicado o 19/02/2020 13:59

As obras en vivendas que estean ao pé das estradas xa non precisarán permiso da Xunta de Galicia.  Será suficiente con presentar unha declaración responsable quince días antes de empezar os traballos. A nova norma opera para as vivendas que están a carón dos máis de 5.500 quilómetros de estradas autonómicas da rede viaria galega. Está pensada para obra menor, como pintar a fachada, cambiar as ventás ou reparar o tellado.

Ademais do permiso municipal, para obrar en vivendas ou valados á beira da estrada requiríase ata agora unha autorización administrativa. O trámite era farragoso: esixía pagamento de taxas, a visita e supervisión dun vixilante da Axencia Galega de Infraestruturas e un informe técnico. Supoñía, ás veces, meses de demora que atrasaban o inicio da obra.

"O que se identificou foi que en moitos casos era irrelevante a visita do técnico, porque se trataba de cuestións que en ningún caso afectarían a circulación nas estradas, e, polo tanto, habilitouse un procedemento máis sinxelo", explica o presidente da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez.

O que se require agora é, simplemente, cubrir o formulario dunha declaración responsable, e chega con 15 días de antelación. Sempre e cando se trate de traballos e remodelacións que non comporten risco para as estradas e os seus usuarios. Abrangue a zona de servidume e a de afectación, entre 2 e 30 metros desde a vía.

Á nova norma poden acollerse as deputacións, co cal se sumarían outros 9.800 quilómetros de estradas provinciais e locais.

Noticias web

19/02/2020