CRTVG

Buscar

Xa está permitido cazar xabarís sen cotas en cinco comarcas galegas

Publicado o 10/10/2019 16:26

A declaración de emerxencia cinexética temporal nunha trintena de concellos xa está activa. Segundo o Diario Oficial de Galicia, ata o 6 de xaneiro pódese cazar o xabaril, sen límites de cotas de ambos os dous sexos, todos os días da semana agás festivos, e dende o día seguinte ata o 29 de febreiro estará permitido todos os días excepto sábados e festivos. A medida afecta catro áreas, unha por provincia, que comprenden as comarcas do Eume e de Betanzos, A Terra Chá, Viana e mais O Deza. En calquera caso, os cazadores deberán comunicar as batidas cunha antelación mínima de dez días.

"É unha axilización dos trámites. É dicir, as sociedades cinexéticas que son titulares dos dereitos cinexéticos do tecor seguen sendo as que teñen a potestade de organizar a caza como lles conveña. O que ocorre é que con estas medidas que se toman no DOG facilítaselles moito a xestión. Xa non teñen que limitarse a establecer batidas por urxencia porque se houbese necesidades nun territorio concreto por danos importantes non se terán que limitar aos xoves, os sábados e os domingos, senón que poderán facelo calquera día da semana, o cal entendo que é unha facilidade", explica Luis Fidalgo, vicepresidente da Federación Galega de Caza.

Con esta medida, preténdese atallar a superpoboación de xabarís tras constatar un agravamento dos danos ocasionados na agricultura e nos ecosistemas que ocupa a especie. Segundo a Federación Galega de Caza, en Galicia contabilízanse uns 90.000 exemplares ao comezo da tempada, cifra que o sindicato agrario Xóvenes Agricultores eleva a 200.000.

"Eu vin algunhas cifras que me parecen erróneas, dadas por algúns sindicatos e naturalistas, que falan de máis de 200.000 xabarís en Galicia. Esa é unha cifra realmente esaxerada que non soporta ningunha crítica seria. Non creo que neste momento superemos os 90.000 xabarís e en final de tempada non creo que superemos os 70.000. Aínda así é unha cifra importante, que representa danos para a agricultura e accidentes nas vías de comunicación, que tamén hai que telo en conta", conta Luis Fidalgo.

Nos terreos non cinexéticos tamén se autoriza, previa solicitude, a captura do porco bravo mediante gaiolas e esperas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/10/2019