CRTVG

Buscar

Xa está no cárcere da Lama a parella acusada de obrigar unha muller a prostituírse

Publicado o 28/08/2020 14:29

O operativo policial culminou coa detención dos dous responsables do prostíbulo. A muller, de 37 anos, e o home, de trinta e un, xa están no cárcere da Lama. Son de nacionalidade colombiana e rexentaban a casa de citas neste inmoble da Travesía de Vigo. O home captaba as mozas por Internet e era ela a que cobraba os servizos.

A actividade quedou á luz tras unha denuncia dunha muller venezolana que chegou a Vigo co seu home e os seus fillos fuxindo da situación política do seu país. A parella agora no cárcere alugoulle un piso e aproveitándose da situación de extrema necesidade inducírona a prostituírse. Chegando a estar a disposición dos clientes vinte e catro horas ao día, quitábanlle a metade dos cartos e obrigábana a consumir heroína e a vendela baixo a amenaza de deixar a toda a súa familia na rúa se desobedecía.

Os axentes atoparon alí diversa documentación, instrumentos para manipular droga e medio quilo desta substancia. Tamén detiveron a parella responsable que nas últimas horas ingresou en prisión por orde do Xulgado de Instrución número seis de Vigo.

Noticias web

28/08/2020