CRTVG

Buscar

A cidade de Wuhan levanta a corentena o vindeiro 8 de abril tras 76 días

Publicado o 24/03/2020 23:25

• 2.524 mortes e 50.000 contaxios, balance desta urbe de 11 millóns de habitantes

• A prioridade do Goberno chinés é protexerse agora dos casos importados

A cidade de Wuhan levanta a corentena o vindeiro 8 de abril tras 76 días

Un descanso nunha fábrica en Wuhan

A cidade de  Wuhan, capital da provincia de  Hubei, onde comezou a propagarse masivamente o andazo de coronavirus, levantará o 8 de abril a corentena que impuxo aos seus habitantes o pasado 23 de xaneiro, segundo anunciaron as autoridades municipais. Ademais, o resto das cidades de Hubei comezarán a levantar as restricións de viaxe a partir de mañá mércores.

Logo de máis de 75 días, os habitantes de Wuhan poderán abandonar a cidade se obteñen un código QR de saúde verde, o que implica que a persoa en cuestión non mantivo contactos con ningún contaxiado ou sospeitoso de ter a enfermidade.

O pasado 23 de xaneiro o Goberno de Wuhan impuxo restricións de tráfico, suspendeu o transporte público e todos os vóos e trens de saída, o que supuxo o confinamento dos 11 millóns de habitantes da cidade. Ata ese día, o coronavirus causara 17 mortos e contaxiara 444 persoas nesa urbe chinesa.

Segundo o último reconto, 2.524 persoas faleceron en Wuhan, mentres que no total da provincia de Hubei rexistráronse 3.160 mortes.

50.000 casos só en Wuhan

As autoridades locais xa anunciaran que tomarían medidas "progresivas" para ir levantando as restricións na cidade, que non sumou novos casos confirmados de COVID-19 durante cinco días consecutivos ata o 22 de marzo. Con todo, no último reconto publicado contabilízase un caso local do virus, ata chegar a un total de 50.006 casos só en Wuhan.

O número total de infectados diagnosticados en toda a China desde o inicio da pandemia é de 81.171, entre os que pereceron 3.277 persoas. Tamén se deu de alta a 73.159 persoas tras superar con éxito a enfermidade.

Os contaxiados "activos" no país asiático xa están por baixo do listón dos 5.000: as contas da Comisión Nacional de Sanidade suman 4.735, dos cales 1.573 permanecen en estado grave (1.527 deles en Wuhan).

Máis de 690.000 seguimentos

Ata a data realizouse seguimento médico a 691.185 contactos próximos con infectados, dos cales 12.077 continúan en observación, e deles, 132 serían casos sospeitosos de contaxiarse do coronavirus  SARS-CoV-2.

A prioridade do Goberno chinés é agora "protexerse contra a importación" de  contaxios desde outros países. O país asiático confirmou 427 casos importados do exterior.

O pasado 12 de marzo o Goberno chinés declarou que o pico de transmisións chegara á súa fin no país, aínda que desde entón a estatística protagonizárona os chamados casos "importados".