CRTVG

Buscar

Vox eleva a presión sobre Ciudadanos e o Partido Popular en Andalucía

Publicado o 04/01/2019 08:30

Vox aumenta a presión sobre Ciudadanos e o Partido Popular en Andalucía. O partido de extrema dereita avisa de que terán que sentar a negociar con eles se queren o seu apoio. Mentres os equipos de Moreno e Marín avanzan na formación do futuro goberno da Junta, Susana Díaz anuncia que volverá presentarse á investidura. 

A conta atrás para a formación do goberno en Andalucía segue correndo e a alianza entre PP, Ciudadanos e Vox semella ainda sen asentar, alomenos aparentemente.

Onte, PP e Ciudadanos retomaban os contactos para configurar a estrutura no novo executivo. E mentres, a formación de Santiago Abascal, socio imprescindible, continúa tensando a corda coas súas esixencias para apoiar cos seus 12 escanos a populares e laranxas. Tras a advertencia de que non apoiarían a investidura de Juanma Moreno se non se modificaba o plan contra a violencia de xénero, esta foi o último aviso de Abascal a través de Twitter: "Ciudadanos e PP pecharon un pacto para repartiren as cadeiras da Junta de Andalucía. Se queren os votos de Vox, terán que sentarse a negociar con nós".

Desde Ciudadanos, principal diana dos ataques do partido de ultradereita, rexeitan imposicións dos de Abascal e reiteran: só negocian co PP.

"Nós do que estamos falando e dun acordo programático entre o Partido Popular e Ciudadanos. Un acordo programático que cumpre co grande obxectivo que é o cambio que os andaluces estaban esperando en Andalucía e onde hai 90 puntos. Se van condicionar o seu voto exclusivamente a un dos noventa puntos, eu creo que é un mal comezo", dicía Juan Marín.

O secretario xeral de Ciudadanos, José Manuel Villegas, foi máis alá: advirte a Pablo Casado que o pacto de goberno para Andalucía estará roto se se cambia o seu contido ou se pactan algo con Vox e o inclúen nese acordo. Onte, o presidente do PP advertía veladamente os de Abascal de que non se politice a violencia machista pero advertía os socialistas qe non vai aceptar leccións da esquerda.

"Tampouco imos admitir que a esquerda poña cordóns sanitarios a ningún partido cando, precisamente eles, están ceando en Noiteboa cos terroristas da ETA e eles están pactando cos que queren destruír España desde Cataluña", dixo Casado.

O mércores e o xoves da semana que vén, a presidenta do Parlamento realizará cos grupos políticos a rolda de contactos previa a propoñer un candidato á investidura da presidencia da Junta.

 

 

 

Noticias web

04/01/2019